Antepuxo a todo vivir en Alfoz. Filósofo e «escribidor, máis que escritor», fala da docencia e do «último fillo intelectual»
19 jun 2010 . Actualizado a las 02:00 h.Pedro Rubal Pardeiro, procurador de tribunais durante anos e mestre de ensino medio ata a xubilación, nunca quixo abandonar Alfoz, onde naceu en 1931. «Antepuxen sempre vivir aquí por estar con meus pais, porque era fillo único, e anque podía ir a un instituto a Santiago, pagábanme o mesmo que en Ribadeo». Procede dunha familia de labregos, humilde, pero gracias ao seu gusto polo estudio e a lectura e ao empeño do pai chegou á universidade.
«Daquela, no nivel económico de meus pais no Valadouro non estudiaba ninguén. A meu pai, nunha ocasión, nomeárono membro da comisión de reparto do consumo no Concello, dábanche unha cantidade e había que distribuíla entre os veciños en función da súa situación económica, pero a lista modificouna a Secretaría municipal. El foi protestar e non lle fixeron caso, veu para a casa, incomodado, e dixo 'voulle dar certa cultura ao meu fillo porque non quero que pase estas humillacións'», relata.
Conta o filósofo alfocense que cando pasou un tempo lonxe da terra, durante a mili, na Coruña, ao voltar e chegar «ao pouso», vindo de Mondoñedo, ao ver o castelo de Pardo de Cela ensanchábaselle o corazón. «É algo sentimental, dende pequeno». Iso si, no aspecto histórico discrepa de moitos, incluso amigos: «Sempre sostiven que Pardo de Cela defendeu a Galicia para defender os seus intereses, non os de Galicia».
O deterioro do ensino medio
Trala súa longa experiencia como mestre, en institutos de Ribadeo, Burela e Mondoñedo, Rubal Pardeiro mantén que «nun país onde non se potencia o ensino medio xamais poderá haber un nivel cultural axeitado nas xentes». Dende que ingresou na docencia ata que se xubilou, vai facer 14 anos, «produciuse un deterioro; non é que en moitos aspectos non se progresara pero antes do ensino medio saíase cunha formación integral e cando se chegaba á universidade levábase unha base sólida, hoxe está todo fragmentado, as ciencias por un lado, a formación humanística por outro...».
Defende o emprego de medios técnicos, como o ordenador, pero «un bo pedagogo transmíteche ideas e a máquina non». E é partidario de que os alumnos levan tarefas para a casa, «para poder profundar e descubrir a solución de problemas, que produce un inmenso pracer, e logo comentar as dificultades co profesor». «Dubido que agora moitos coñecementos cheguen a calar no alumno, aos oito días non se acorda de nada se non se profundar na materia», opina.
As cousas da política
Un home cultivado, centrado no traballo intelectual, non vive illado do mundo. Os políticos sábeno e varios partidos tentaron captar a Rubal para a súa causa. Nunca quixo, nin cando o propuxeron para alcalde no franquismo, nin cando lle pediron que liderara unha candidatura independente. «Formouse unha lista alternativa á do alcalde, ían un cura ou dous, un médico..., e querían que eu a encabezara. Unha noite de chuvia e vento estaba ceando e viñéronme buscar en coche para unha reunión no centro médico. Leváronme en zapatillas e expliqueilles que non me interesaba. Á volta non houbo coche para traerme, tiven que ir andando. Isto confirma que en política mentres acatas todo son parabéns, cando non, esquívante».
Afeccións ten poucas, amais de pasear coa muller -«sérveme para desconectar»- e a conversación. «Dende hai tempo estou dedicado sobre todo a cuestións filosóficas, levo moito estudiando os textos de Xavier Zubiri, que é moi escuro». Dende que atopou nunha librería o traballo Sobre la esencia , adentrouse na obra do filósofo vasco. «Lino e non entendín nada, pero insistín porque tiña a impresión de que alí había moito; lina sete ou oito veces e cada vez descubría máis cousas. A partir de aí dediqueime ao estudio deste autor, de feito nel baséase a fundamentación filosófica que pretendo darlle ao evolucionismo (teoría baseada en que todo se xera a partir da evolución, enfrontada ao creacionismo, doutrina que propugna que Deus creou o mundo da nada)».
Rubal Pardeiro asegura que tiña dúas razóns para escribir o libro que se presenta hoxe, Evolución y complejidad. Perspectivas científica y metacientífica . Unha altruísta: Responder ás preguntas que algúns alumnos lle prantexaban despois de explicar o evolucionismo nas clases de Filosofía, dúbidas sobre o carácter científico desta teoría. Primeiro pensou facer un panfleto pero ao final saíronlle 733 páxinas, que publicou coa colaboración da Fundación Comarcal A Mariña Central. E unha egoísta: «Pretendo evitar que na miña condición de vello o soño de durmir acabe afogando a capacidade de ilusionarme e soñar, facendo algo positivo e manténdome en activo. Teño unha???????satisfacción grande, será o meu último fillo intelectual».