Moitas poden ser as
virtudes que se lle asignen á empanada de Mondoñedo, que hoxe está de festa. ¿Por que gusta a empanada en xeral e a de Mondoñedo en particular? ¿Atráenos polo seu aspecto? ¿Gústanos porque se pode facer co recheo que se quere ou se pode usar? ¿Ten un particular interese porque cada un lle dá o seu toque persoal?
Esas e outras moitas son preguntas que poden xerar outras tantas respostas e un diálogo no que ninguén gañe nin perda. Hai ademais outro elemento da empanada que a converte nunha comida especialmente agradable: o normal é que se prepare ou se compre para comer acompañados de máis xente, así que xa lle podemos dar outra mostra de gratitude se realmente nos axuda a relacionarnos.
Intercambio de ideas
Se hoxe é un día vencellado coa empanada e o produto que protagoniza a festa case sempre se adoita comer entre varios, pódese supoñer que despois do xantar haberá sobremesa e que coa sobremesa haberá diálogo e debate, que poderá versar sobre o divino e o humano. Quizais haberá que pensar tamén que a empanada nos predispón para ese intercambio de ideas.
Falando de diálogos e de debates, algo que resulta moi visible en Mondoñedo dende hai meses e meses é o estado das obras da autovía do Cantábrico. A imaxe do noso Padornelo, ese monte case mítico que preside o noso val e que nos parece imponente e protector, atravesado cunha fenda pola que pasarán os coches non deixa indiferente a case ninguén en Mondoñedo, sen que o que haxa de sentimental -pero tamén de amor á terra, algo que de ningunha maneira debe de avergonzarnos nin podemos negar- nesa ollada á nosa montaña máxica non nos agacha a necesidade de que se execute esta obra nin a urxencia do seu remate.
A autovía e o Padornelo
Pero mentres os traballos non dan rematado, e xa se sabe que ao treito que pasa por debaixo do Padornelo aínda lle quedan meses e meses por diante ata chegar ao final de todo, os mindonienses podemos e debemos pensar no que esperamos da autovía, pois se cadra aínda estamos a tempo, mentres as obras están en marcha.
¿Teremos accesos bos ou repetiranse os mesmos problemas que se deron e tanto padecemos coa estrada N-634? ¿Estará listo o polígono industrial de Xiros cando pase a autovía ou asumiremos que durará tanto como as obras da catedral? ¿Pode facer Mondoñedo algo máis para tirar proveito da autovía?
No entanto, que a empanada nos axude á reflexión.