Calquera que tivese a sorte de coñecer a Dionisio Gamallo pode lembrar que era moi amigo dos seus amigos e dos seus libros. Non eran nel afectos contrapostos, da mesma maneira que o seu amor polos libros non evitou que mandase unha parte da súa colección persoal para a biblioteca do seu Ribadeo, ao que dedicou tanto entusiasmo como ás outras dúas paixóns. E hai ademais outro amor, compatible cos dous anteriores aínda que se cadra non coñecido para todos, que nos ofrece uns trazos máis proximos.
Máis dunha vez, en Ribadeo pero supoño que tamén noutros sitios, se ten presentado don Dionisio a unha xuntanza de amigos con algún doce. Se non falla a memoria do escoitado, era algunha tarta das clarisas, toda unha institución ribadense na elaboración de postres. Postos a imaxinar, algunha vez, se cadra, tamén houbo algunha pasteis de La Bugalla, pechada hai xa anos, para darlle máis sabor á festa da amizade.
Houbo tamén, en 1954, un xantar do que non se coñece o menú pero que foi decisivo para a historia da Mariña e mesmo de Galicia. Todas as liortas que tivo Ribadeo co bispado mindoniense despois de que a diocese volvese a Mondoñedo tras uns poucos anos pasados á beira do Eo -falamos de comezos do século XIII- non quedaron resoltas ata o banquete co que Gamallo celebrou os seus 40 anos e ao que invitou, entre outros, ao seu bo amigo Álvaro Cunqueiro. Que esas inimizades cidadás se superaron parece claro: é raro ir un sábado pola tarde ou pola noite a Ribadeo e non atopar xente de Mondoñedo, e tampouco é estraño que os de Ribadeo veñan ás San Lucas.
Necesitamos imaxinación para elaborarmos un menú dese banquete -¿comeríase pastelón das clarisas? ¿poñeríase tarta de Mondoñedo no postre?-, pero da súa importancia non hai dúbida. Non só quedaron Ribadeo e Mondoñedo convertidos en amigos para sempre, senón que o outro acto que podería pechar as feridas xa non é posible: Cunqueiro, morto hai 29 anos, chegou a confiar en Gamallo, de cuxo falecemento se cumpriron dez en xaneiro, para que organizase, no 2011, o centenario do seu nacemento.
Queda, en lembranza de ambos os dous, unha festa de palabras que nunca producirá fartura.