Sobre a seguridade cidadá e as obrigas dun alcalde

José María González Barcia

A MARIÑA

Ademocracia radica en que se poida falar de todo, tolerar as críticas e sacar conclusións. E a seguridade cidadá e o papel dun alcalde de cara a tentar garantila é un debate vivo en Burela. As obrigas dun alcalde son cumprir a legalidade vixente, artellar un mellor funcionamento dos recursos e asumir responsabilidades. Ratifícome punto por punto no dito. O Concello de Burela ten dous policías máis ca na etapa do PP. Polo tanto debe ser máis doado organizar os turnos. Quen ten a competencia?, o alcalde. Se hai outros medios de vixiancia, hai que usalos. O PP puxo en ocasións no turno das noites do fin de semana ao Grumir a patrullar, iso si, en labores de vixiancia, non de control, pois o protocolo indica que se detectaban problemas chamaran á Policía Local. Hoxe non hai Grumir, pero hóuboo e vaino haber, e unha das súas funcións é a seguridade cidadá. As queixas dos veciños, recentes, non son inventadas, como non o foron nunca; non se lle ocurrirá a ninguén pensar que as impulsa o PP!! Cando nós estivemos no Concello, o presidente dalgunha comunidade de veciños, afiliado ao PSOE, presentaba un escrito cada 15 días; non lle dou nin lle quito razóns. Ratifícome na falla de relacións do alcalde cos responsables dos locais. E onde está a reunión da Xunta Local de Seguridade? A reunión de onte só serviu para que o alcalde lles dixera aos locais o que xa saben, que teñen que pechar á hora, que se revisarían os sonómetros; pero non dixo nada sobre medidas acerca do botellón. É a súa responabilidade. E se alguén dubida do que fixo o PP, tres datos: normativa sobre medio ambiente, obrigatoriedade da dobre porta e de sonómetros homologados. A actitude do alcalde, probablemente involuntaria, pero neglixente, pode xerar inseguridade. Dúas perlas. Nunha comisión o señor Pernas Chao pregunta ¿cantas noites do fin de semana houbo servizo de Policía Local con dous axentes de turno? O alcalde di que 'non o sabe'. O 29 houbo un incidente na biblioteca, que implicou chamar á Guardia Civil e á Policía Local. No pleno o alcalde non dixo que medidas se ían tomar para tentar atallar o problema. Aos que se esconden detrais das siglas dun partido, un consello, preocúpense de dar argumentos e, sobre todo, solucións.