«A da banda deseñada é unha carreira de fondo»

Y. García

A MARIÑA

O autor coruñés foi onte un dos protagonistas dos encontros sobre o cómic que celebra o instituto

04 feb 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Os segundos Encontros de Banda Deseñada na Mariña continúa a súa andaina no IES Perdouro de Burela, que quere abrir a todo o público esta forma de facer arte. Despois da primeira presenza de Carlos Portela, onte tocoulle a quenda a outro autor galego, Manel Cráneo (A Coruña, 1973), que alí dirixiu un obradoiro de iniciación. Falamos con el unhas horas antes da actividade.

-Supoño que seu obxectivo será introducir á xente no mundo da banda deseñada. ¿Fai falla ser un bo debuxante de partida?

-Non necesariamente. Os que máis me gustan tampouco son tecnicamente perfectos. Entre outros, gústame Calpurnio, é o exemplo máis característico porque cun monigote que parece feito por un neno conta unha gran historia. No obradoiro vaise falar sobre a linguaxe narrativa do cómic e de combinar un bo texto cun debuxo que sexa funcional e esté feito en función da propia historia. O debuxo é unha ferramenta máis para contar a historia.

-No 2009 publicou o seu primeiro álbum individual, «Os lobos de Moeche».

-Si, aínda que levo moitos anos colaborando con revistas. Xa Damsmitt foi a primeira novela gráfica que fixen con guión de Kike Benlloch, no 2005. Pero historias curtas para revistas levo facéndoas 16 anos. A nivel de historia longa, esa e Os lobos de Moeche son os meus dous primeiros albumes.

-¿Coñece algún autor de banda deseñada destacado e que sexa da Mariña?

-A verdade é que controlo ata a zona de Lugo cidade. Eu fun presidente na Asociación Galega de Profesionais da Ilustración, agora son vogal, e tamén vicepresidente da federación española FAIP. Coñezo o panorama e si que é certo que na provincia de Lugo en xeral hai un índice baixo de autores.

-Este obradoiro, logo, servirá para meter o gusaniño aos máis novos, ¿non?

-Esperamos crear canteira con estas cousas. Xa non é a primeira vez que te atopas cun alumno de hai dez anos dando os seus piniños. É unha carreira de proceso longo, complicada. As cousas non saen dun día para outro, hai que ser persistente e aguantar as marexadas cando chegan. É unha carreira de fondo, penso que o que máis aguanta é o que máis posibilidades ten, se tes un mínimo de calidade. Hai xente que tira a toalla moi rápido.

-¿Como ve este ciclo?

-Vai vir David Rubín. Está pegando forte agora no panorama galego. Que se faga algo así en Burela é moi importante, levar autores desta talla crea un gran punto a favor dos organizadores. É para sacarse o sombreiro. Outras vilas o teñen máis doado.