Aquí manda a carne de calidade

A MARIÑA

A empresa familiar Cárnicos Pacio e Fraiz leva corenta anos ofertando o mellor producto á clientela de Mondoñedo e nos mercados da comarca

31 ene 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Naceron «ao pé da paula», moi preto da catedral de Mondoñedo, e teñen a casa na Fonte Vella. No oficio de carniceiros comezou Mari Carmen Fraiz García en 1969, con 21 anos. «Na rúa Julia Pardo, número 18, ao pé do cuartel, fronte dun famoso avogado, Alvariño. Foi don Enrique Cabanela, o médico, que daquela tamén era o alcalde, quen encamiñou a meu pai para que me puxera a carnicería», conta.

E alí naceu a carnicería Mari Carmen, nun local que algúns crían gafado porque ningún dos negocios que se montaran antes saíran adiante. Ela e o seu home (non tardaron en casarse e el incorporouse á tenda) romperon co meigallo, se é que o había, e con sacrificio -«moitos días traballamos de 15 a 18 horas»- foron medrando. «Á conta dos paos vaise aprendendo», sentencia esta muller, que exerce de voceira da familia.

Empezaron vendendo carne conxelada, de balea e de terneira. «Viña de fóra, de Arxentina...». E xa introduciron carne fresca, sobre todo de porco e de terneira, antes de se mudar á praza de abastos, en 1972: «Cando se construiu o mercado o alcalde obrigounos a todos a ir para alí, Chaparrita, Venancio..., entón?????eramos catro carnicerías e agora só quedamos nós».

Hai máquinas para todo

Mari Carmen e Toño, como o coñecen en Mondoñedo, levantábanse moitas veces ás catro ou ás cinco da mañá para elaborar a zorza, os chourizos... Daquela todo o traballo era manual. «Agora leva menos tempo porque hai máquinas para todo, embutir, atar, grapar... Hoxe vimos de facer 700 kilos de chourizos en tres horas, é o que preparamos cada semana».

Co tempo pasouse de sacrificar os cochos na casa [esta familia acondicionou a súa vivenda para facer a matanza e curar a carne] a que todo pase polo matadoiro. Eles encárganse de despiezar e de todo o proceso de transformación. Hai 18 anos a carnicería Mari Carmen transformouse na empresa Cárnicos Pacio e Fraiz, ubicada por detrais do Seminario. «A inversión foi grande, pero conseguimos boas subvencións. Algún matarife díxolle ao fillo 'teus pais tiveron bastante valor para meterse nisto'», recorda a carniceira.

Nas novas instalacións concentran toda a actividade e venden [carnicería, charcutería e algo de supermercado], sen deixar de lado o posto da praza, que atende Mari Carmen cada mañá. Ao fillo sempre lle gustou o negocio -«moito máis que estudiar», di súa nai- e acabou por converterse nun dos puntais de Cárnicos Pacio e Fraiz.

«O chiquillo dalle moi ben, non foi bo estudiante, pero é bo negociante e bo traballador», afirma a proxenitora. José Antonio junior anda de mercado en mercado: o martes, Foz; o mércores, Ribadeo; o xoves, Viveiro, San Cibrao e Lourenzá (repártese cos empregados); o venres, Burela; un sábado de cada dous, Gontán (Abadín) e un domingo ao mes, Santa Cecilia (Ferrol). Expende de todo: cacholas, soás, touciño, lacóns, chourizos, queixos..., ata bacallao. Súa irmá estudiou Matemáticas e aprobou a oposición a docente. Mentres non acada praza axuda na empresa familiar, «e dáselle ben», apunta súa nai.

Un producto de primeira

Moita clientela é de toda a vida, atraída pola calidade do producto -«temos moi bo criterio, non é o mesmo pagar por un terneiro da casa que dun cebadeiro», recalca Mari Carmen- e a confianza que otorgan os anos. Con todo nótase a crise. «Hai que ir trampeando, oír e calar».