Nestes días máis ou menos acalmados, andamos a reler Os sete piares da sabedoría , de T.E. Lawrence, aquel sensíbel home que fixo de guerreiro, cartógrafo, arqueólogo e tantas outras afeccións que deixou escritas neste libro. Fixéranos certo impacto na nosa mocidade, despois de ver Lawrence de Arabia , a película que o mitificaba. A variedade de ofícios do nobre inglés, lémbranos agora a agrupación cultural A Pomba do Arco.
Queremos dicer que a relación entre ambos, a imaxe que se nos crea, vén dada pola sensibilidade e plural actividade dos dous: unha Pomba que se fai colectiva no seu voo, e un home que tamén se entregou aos demais na causa árabe. A Pomba le en libros de poemas ou contos, de historias ou teatro.
A Pomba leva nas súas asas cadros de pintores, ou tece co seu bico fermosas imaxes de cores; ou, mesmo, canta, baila, chama a sentar para platicar sobre este noso mundo galego e o seu contorno. A Pomba, á fin, ergue, orgullosa, o voo e ponse a viaxar para coñecer as terras nosas tan variadas e darlles o aprezo que, sen velas, seguramente non acadaríamos.
As viaxes son unha abarrocada fonte de emocións que aseguramos para un novo corazón sensíbel. Lawrence viaxou sen descanso por Arabia e meteuse na súa pel: sentiuse árabe e loitou con eles. A Pomba faino tamén polo seu país, e recupera todo o que a historia lle agachou. Axuda a amalo.
Cantamos, agora, este tempo da Pomba pola luz dourada que deixa sobre o Arco Iris de Foz; pola historia criada nestes intensos anos; pola esperanza que pon nas novas xeracións para que sexan elas mesmas e non monifates preparados para a macabra uniformidade e a nova escravitude.
A cultura fainos libres. A dependencia, súbditos. E a Pomba, críticos, sensíbeis e animosos.
Que as súas asas sigan tensas e fortes para as navegacións do azul, para as viaxes verdes. No seu bico, como sempre, brillarán a bandeira e o idioma que levan a medida do amado.
Para sermos NÓS. Orgullosamente NÓS. Lois Diéguez Vázquez (Monforte de Lemos, 1944), autor de narrativa e poemas. Membro da Asociación de Escritores en Lingua Galega.