Tense falado moito das moitas dimensións
do escritor Álvaro Cunqueiro: novelista, poeta, dramaturgo, xornalista... Todas poden ser citadas porque por todas se moveu con brillantez, como eses privilexiados atletas que gañan medallas de ouro en varias probas diferentes. Fálase menos do seu labor docente, que aparece nalgunhas biografías como actividade que desenvolveu nalgúns anos, sendo aínda novo, fóra de Mondoñedo.
Pero nos anos 30, mentres comezaba a súa actividade poética e xornalística, na casa da rúa Méndez Núñez, hoxe designada co nome do escritor, o coñecemento do francés que xa daquela posuía Álvaro Cunqueiro serviu para que un rapaz máis novo ca el, alumno externo do Seminario, coñecese as primeiras palabras dun idioma co que tería tanta familiaridade como o castelán ou o galego.
Non é ningunha esaxeración, porque Germán Palacios, o alumno que aprendía francés co xove poeta e tío do arriba asinante, dedicou décadas da súa vida ao ensino dese idioma, explicándoo no Instituto Valle Inclán de Pontevedra ou participando na elaboración de libros de texto, e á tradución de escritores franceses do século XIX, fundamentalmente Flaubert pero tamén Stendhal.
Pero ese contacto co mundo exterior -reflectido en décadas vividas fóra de Galicia, como mestre en Valencia e en Marrocos, e en moitas viaxes de verán a Franza para practicar o idioma- non implicou que Germán Palacios deixase de ser de Mondoñedo, onde está enterrado dende o sábado. Pregoeiro das San Lucas e das Quendas, directivo de asociacións, colaborador no periódico Mondoñedo ...
A parroquia do Carme, onde naceu, é agora o seu porto de chegada tras unha vida de viaxes polo mar das palabras.