O cantautor e músico do Valadouro ofreceu antonte un concerto moi familiar e comunicativo na Casa da Cultura Manuel Lourenzo da súa localidade natal
11 oct 2009 . Actualizado a las 02:00 h.O valadourense Miro Casabella, último integrante en activo do grupo Voces Ceibes, ofreceu antonte un concerto profundamente intimista na Casa da Cultura Manuel Lourenzo da súa localidade natal. Ante algo máis dun cento de espectadores, entre os que destacaba a presenza de moitos dos seus familiares e amigos, o cantautor mariñano fixo un repaso pola música galega, desde o século XII ata as máis recentes.
Deste xeito, comezou coa emblemática O Meu País , canción que el mesmo musicou e cuxa letra pertence a Xoán Manuel Casado. No recital tamén tiveron un oco interpretacións das cantigas compostas por Alfonso X o Sabio en galego, tanto as de Santa María como algunha de escarnio e maldizer.
Como non podía ser doutro xeito apareceron temas populares e tamén de protesta, saídos das axitadas, movidas e esperanzadoras décadas dos sesenta e setenta. Unha das que máis aplausos arrincou e que máis lle gusta ao propio artista é a que ten como protagonista ao Conde de Fenosa e á realización do encoro en Castrelo do Miño (Ourense). Así mesmo, cantou unha cantiga que recompilou Isaac Ferreira, presente entre as butacas.
Durante o recital, Miro Casabella amosouse moi comunicativo, explicando o significado de cada tema, ao tempo que recordou que había máis de trinta anos que non ofrecía un concerto no seu pobo. A última vez fora nas Festas da Oito, cando o convidara un amigo, xa falecido, que entendía que collía máis música que a das orquestras.