A corrente que une xeracións

A MARIÑA

Gervasio leva toda a vida traballando de electricista e hai cinco anos decidiu crear Saleros Eléctricos para que o seu fillo siga os seus pasos profesionais

16 ago 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Hai cinco anos nacía en Viveiro Saleros Eléctricos, unha empresa dedicada a facer todo tipo de instalacións, montaxes e arranxos eléctricos en vivendas e establecementos privados. Este negocio conta cun forte arrecendo familiar, xa que á fronte da mesma están un pai e o seu fillo, isto é, Gervasio Fernández Campo e Alejandro Fernández Díaz.

O maior leva case 30 anos dedicándose ao mundo da electricidade, desde que con 18 anos, recén saído da antiga Maestría, foi parte a finais da década dos 70 da montaxe do alumeado e da sección de Electrólises da factoría de Alcoa (daquela Alúmina-Aluminio) en San Cibrao. Tras un paso por Socime, no 1983 cambiouse a Cotelsa, empresa auxiliar da fábrica de aluminio cervense na que aínda hoxe en día traballa a turnos.

Pola súa banda, Alejandro rematou o ciclo de Instalacións Electrotécnicas en vivendas e edificios aos 19 anos, momento no que inicio a súa etapa profesional. Ao igual que seu pai, a súa aprendizaxe desenvolveuse no IES María Sarmiento, o herdeiro da antiga Maestría na que estudara Gervasio.

O vástago non é capaz de explicar se a súa decisión de escoller a electricidade foi por vocación ou por influencia do seu proxenitor. «Sempre me gustou desde cativo, xa que era moito de andar argallando con pilas, bombillas, baterías e todo tipo de instrumentos cos que traballaba meu pai». «Se cadra tamén foi influenciado porque desde os 13 anos me gustaba ir con meu pai para ver o que facía e porque el estaba metido nese mundo; ao mellor se fora mecánico dábame polos motores», argumenta Alejandro.

O pai, Gervasio, confirma unha das explicacións dadas polo fillo. «Antes tiñamos un pequeno taller no que facía eu amaños e sempre lle gustaba vir por alí a ver e a preguntar que facía».

Os dous explican que a idea de fundar unha empresa propia xurdiu polo feito de que ao fillo tamén lle tirara a rama da electricidade e decidira dedicarse a ese mundo. O nome provén de como son coñecidos na cidade, Salero , apelativo que herdaron da familia á que pertencen.

Certo risco

Aínda que o negocio garda relacións cos enchufes , este non foi como os que se dan noutros menesteres, xa que afrontaron a constitución de Saleros Eléctricos con certo risco. «Ao mellor foi un erro non intentar que el -polo fillo- entrase en Alcoa, pero apostamos por montar o negocio porque traballo íao habendo», afirma Gervasio. O pai recoñece que o último paso deuno «ao ver que sempre que tiña algo de tempo libre lle facía algún amaño a xente coñecida e do meu círculo de amizades».

O fillo felicítase da decisión do pai. «Sei que practicamente montou a tenda que temos en Cantarrana e a empresa para min e estou moi contento porque este traballo gústame», di.

Nestes cinco anos de andaina, Saleros Eléctricos non deixou de medrar, a pesar de que a situación económica actual poda levar a pensar que nos últimos tempos as cousas foron a peor. «Agora xa non só veñen os amigos e coñecidos a pedir presuposto, senón que temos encargos doutras persoas que non están no noso círculo máis próximo». De feito, tiveron que contratar a máis persoal para conseguir atender a demanda. «Agora están meu fillo, dous rapaces máis e a rapaza que atende a tenda», precisa Gervasio.

El aproveita os ratos libres que lle deixa o seu traballo a turnos «para botar unha man, aínda que cada vez menos porque agora estouno deixando case todo nas súas mans». Iso si, as labores de administración séguenlle correspondendo ao pai. «Máis que nada eu agora fágolle aquelas cousas de xestión nas que ao mellor el aínda está algo verde: mirar materiais e facer trámites como ir arranxar papeis», admite Gervasio, ao tempo que Alejandro o corrobora. «O papeleo é cousa del».