Este programa desenvolvido polo GDR-1 outorgará máis de catro millóns e medio de euros en subvencións
09 ago 2009 . Actualizado a las 02:00 h.Anxo Martínez é o presidente da Asociación de Desenvolvemento da Comarca da Mariña (GDR-1), organismo encargado de desenvolver o novo Plan Leader da Mariña, que outorgará sobre uns catro millóns seiscentos mil euros en subvencións tanto para proxectos produtivos como non produtivos que se desenvolvan partir de agora na comarca.
-O prazo para solicitar subvencións abriuse o pasado 17 de xullo pero, ¿sábese xa cando se van outorgar as axudas?
-De momento a xente ten que presentar as solicitudes. Despois o equipo técnico da asociación, tras facer unha serie de trámites que permitan comprobar se un proxecto é apto ou non, iniciaremos o proceso de concesión de axudas.
-¿Que municipios da Mariña se verán beneficiados co programa Leader?
-Veránse beneficiados catorce concellos: O Vicedo, Viveiro, Ourol, Xove, Cervo, Burela, Valadouro, Alfoz, Mondoñedo, Lourenzá, Trabada, Foz, Barreiros e Ribadeo, que nun primeiro momento non formaba parte deste programa.
-¿Que hai que facer para optar ás axudas do Plan Leader?
-Hai que cubrir un formulario no que conste o proxecto que se quere levar a cabo, o cal debe ser viable e cumprir unha serie de requisitos.
-¿E que requisitos serían eses?
-En primeiro lugar, a actuación debe estar ubicada dentro dalgún dos catorce concellos nos que se desenvolve o plan e non debe estar iniciada. Ademais, debe tratarse de proxectos viables técnica, económica e financeiramente, que se axusten á normativa sectorial, e deben ser finalistas, é dicir, a axuda debe destinarse para o que se pediu e non para outra cousa. Outro dos requisitos é que a obra sexa de carácter innovador, e con isto non me refiro a que sexa algo rocambolesco, senón simplemente diferente, como por exemplo, montar unha perruquería nunha parroquia na que non a hai.
-O Leader subvenciona tanto proxectos produtivos como non produtivos, ¿Onde reside a diferenza no que a subvencións se refire?
- Pois a diferenza está na cantidade económica, é dicir, os proxectos produtivos, aqueles que xeran beneficio para quen os promove, reciben un 75% sobre o total que costa a execución do proxecto, mentres que os non produtivos reciben un 25%.
-¿Que obxectivo ou obxectivos persegue primordialmente este plan?
-O que pretende principalmente este plan é axudar a un desenvolvemento do territorio que se poida manter no tempo, fixar poboación no rural e elevar o benestar e a calidade de vida dos habitantes da zona.
-E xa para rematar, dada a situación de crise que se vive nos nosos días, ¿considera vostede o Plan Leader como unha oportunidade para potenciar a economía mariñá?
-Tendo en conta a situación que estamos a vivir nestes momentos, este tipo de axudas son moi importantes e pódenlle servir a moita xente que pretenda desenvolver o seu propio negocio. O Plan Leader é unha gran oportunidade para A Mariña porque permite levar a cabo iniciativas económicas de distinta índole.