«A Feira do Bonito é un referente en toda A Mariña»

C. Ferreiro

A MARIÑA

Burela celebra hoxe as vodas de prata da popular Feira do Bonito, declarada de Interese Turístico desde 1999. Como cada primeira fin de semana de agosto, á área portuaria burelense acoden milleiros de persoas.. Como novidade, este ano a degustación será dentro da nave de redes. A nacionalista Neves Cando, primeira tenente de alcalde de Burela, subliña o papel da feira na promoción e divulgación da vila.

-¿Como colabora o Concello na feira?

-Economicamente, pero desde fai tres anos empezamos a complementar esta xornada festiva con diversas actividades. Pola mañá, mentres o persoal prepara o bonito para a degustación, enchemos a explanada con actividades, e así a xente tamén se aproxima a ver como se prepara a degustación. Falo dos Xogos da Costeira, que teñen unha temática pesqueira tradicional e constan de cinco probas con premios. Tamén premiamos o vestiario e ambientación das peñas. Pola tarde tamén organizamos un festival de folclore, co grupo de bailes e gaitas da Sociedade Ledicia e Las Torres de Cigales, de Valladolid.

-¿Como inflúe a feira no turismo e na economía local?

-Xa é un referente consolidado en toda A Mariña, todo o mundo sabe que o primeiro sábado de agosto hai que vir a Burela a disfrutar do bonito. Supón un referente cultural, non é so ir a comer, senón a disfrutar dunha xornada de festa. Economicamente é un factor positivo. Hai moito ambiente durante todo o día, e iso reflíctese no pobo porque moita xente aproveita para pasar o día en Burela.

-¿Que tipo de xente se achega a esta cita gastronómica?

-Desde veciños de Burela ata turistas que, aínda estando noutros pobos da comarca, saben que esta é unha cita especial á que non poden faltar. O ano pasado servíronse arredor de catro mil racións, e este año agardamos que sexa similar.

-Desde que a Feira do Bonito foi declarada de Interese Turístico en 1999, ¿como cre vostede que mellorou?

-Evidentemente que mellorou, e non so en infraestruturas. Por exemplo, este ano a degustación será a cuberto, dentro da nave de redeiras que se construíu no peirao. Tamén se notan as melloras no servizo, porque as racións veñen perfectamente envasadas, sen esquecer a novidade de que este ano a organización preparou racións de empanada aptas para celíacos. Pouco a pouco vai medrando, e a explanada chega a converterse en todo un escenario festivo, con moita xente.

-¿Que perspectiva ten o Concello da feira?

-É todo un referente do verano en Burela, hai un antes e un despois da Feira do Bonito.