«O traballo do mar cambiou moito e para peor, agora xa non é coma antes»

Miguel A. Lestegás

A MARIÑA

Este armador xubilado xúntase a falar todos os días cos seus amigos do mar na «Moncloa», o centro social de Burela

11 jul 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Un grupo de xubilados do mar de Burela reúnense todos os días nun local situado na zona do peirao burelense que deron en chamar A Moncloa. Un dos que se poderían considerar dirixentes é José González Domínguez, máis coñecido na localidade como Pepe da Elisa. El aclara que tamén teñen certa relevancia no grupo Gacha, o encargado da contabilidade, e Pepe do Canabalo, pero afirma que «todos somos A Moncloa».

Pepe da Elisa é un armador xubilado de Burela, aínda que case toda a súa carreira laboral a desenvolveu en Ribadeo. «Nacín en Burela, pero fúmonos para aló no ano 1955, porque o muelle de aquí era pequeno e non podíamos estar cos barcos», aclara. Unha vez no porto ribadense, a familia de Pepe adquiriu oito embarcacións. «Seis eran de madeira: o Huerta, o Decano, o Costa Vasca, o Tierra Vasca, o Hidalgo e o Decano; e dous de ferro: o Bizarro e o Osado», rememora.

Recoñece que a súa vinculación co mar chegoulle a través de «meu pai», de quen finalmente herdaría un barco e as tarefas de armador.

Comezos como redeiro

Pero antes de acometer as funcións de levar adiante unha embarcación «durante 22 anos, desde o 1971 ata o 1993, Pepe pasou por outras tarefas relacionadas. «Empecei como redeiro con meu tío Santiago, de quen aprendín aló en Ribadeo». Logo, tamén se dedicou á venda do peixe. «Tíñamos un camión con chófer e íamos vender o peixe a A Coruña e Avilés». Ata que no 71 colleu a remuda do seu pai e tíos. «Fumos eliminando os barcos vellos e quedeime cun na Coruña». E logo de 22 anos, «vendín o barco e xubileime aos 58 anos».

A pesar de que grande parte da súa vida profesional se desenvolveu en Ribadeo, Pepe afirma que «sempre tiven vinculación co porto de Burela e, de feito, os nosos barcos incluso levaban o nome de Burela na ponte de mando, a pesar de que estaban radicados en Ribadeo».

Pepe participou desde o barco nunha marea de bonito cando estaba solteiro e, aínda que a «a experencia foi boa», decidiu non voltar a embarcarse. «Como tiñamos o barco, alguén tiña que estar en terra».

Igualmente, o xeito de afrontar as tarefas cambiou moito. «Daquela traballábase con moito máis humor e ansia». E a familia de Pepe tamén tivo que enfrontarse a algún momento delicado. «O peor foi cando nos ardeu o Terra Vasca. Ía en arrastre preto de Ribadeo e foise apique, pero afortunadamente outro barco andaba cerca e logrou rescatar a todos os tripulantes».

Cambios no traballo

A súa experiencia permítelle avaliar a situación que atravesa o sector marítimo nestes tempos, que segundo el pasa por un momento moito máis difícil que decenios atrás. «O traballo do mar cambiou moito e para peor, agora xa non é como antes».

Pepe da Elisa entende que os armadores se atopan con moitos máis atrancos e dificultades. «Antigamente íamos ao mar todo o tempo, pero agora teñen que parar varios meses ao ano». «Ademais, só se pensa en eliminar pesca, o gasoil non para de subir e a xente non quere ir ao mar porque non se gaña tanto como antes», argumenta.

Para Pepe acabáronse aquelas mareas de hai moitos anos nas que «un pinche gañaba 500 ou 1.000 pesetas» e lle daba ben para vivir. «Agora veñen con algo de peixe, pero non lles dá case nin para comer», porque, afirma, «o peixe está regalado en lonxa, pero despois vas á praza e é distinto».

Pepe albíscalle un «futuro moi negro, porque o tema da pesca está moi moi mal e é moi difícil solucionalo». Incluso fala de que «por Burela coméntase que xa hai cinco ou seis barcos que se lle van vender ao goberno para o desguace».

Lugar de reunión

Destes temas e outros moitos debaten «os xubilados do mar que nos xuntamos desde hai uns dez anos no porto de Burela, porque non somos moito de ir tomar algo aos bares nin de botar a partida». Son un grupo duns 30 que, primeiro, ocuparon un local enfronte da actual ubicación, onde estaba «a antiga báscula para pasar os camións». «Aí estivemos ata que nos preparon a Moncloa, que foi inaugurada o 28 de marzo do ano pasado», recorda Pepe.

Alí ven pasar todos os días e observan a constante evolución do peirao burelense. «Vimos pola mañá ás 11 e marchamos ás doce e cuarto, e pola tarde volvemos ás cinco e ímonos a iso das 19.30 horas», afirma. «A maioría somos armadores, xente que tivemos barcos», aclara.

E como tal, moitas das conversas céntranse en temas mariñeiros, pero tamén tocan outras cuestións como o fútbol ou a política. «Agora andamos co pique entre os do Madrid e o Barça polo tema de Cristiano Ronaldo e Kaká», comenta entre risas.

A época estival aproveitana para facer comidas. «Temos un asador e cada catro ou cinco días facemos unha sardiñada». «Só temos que poñer un bote para pagar a bebida, porque as sardiñas dánnolas». E é así como Pepe da Elisa e os seus «amigos» da Moncloa pasan o tempo.