«Hai que actuar para recuperar a vida no río Eo»

A MARIÑA

Tres concursos de pesca e unha feira de montaxe de mosca serán as novidades da Festa da Troita que empeza mañá

29 abr 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

A trixésimo primeira edición da Festa da Troita de A Pontenova, declarada de Interese Turístico, dará comezo mañá e prolongarase ata o sábado día 2. Na organización xa teñen todo listo para que a celebración e os concursos sexan un éxito. Ángeles Yáñez é a presidenta do Centro de Iniciativas Turísticas (CIT), que organiza esta festa, en colaboración co Concello, outras asociacións como Os cabaleiros dos Gabeás ou Albións, e moitos veciños da zona.

-¿Que actos hai previstos para mañá?

-A Festa da Troita comezará co sorteo dos tramos do río para os pescadores ás 20.30 horas. Será no salón de actos da Casa da Cultura. De seguido, terá lugar o pregón, que este ano corre a cargo de Juan Carlos Rodríguez Suárez, pescador asturiano que xa participou outros anos, e que ademais é membro da Selección Española de Alta Competición de Pesca Fluvial. Sobre as 22.00 horas abrirá a caseta, onde se servirán racións de troitas, pan e viño. Tamén mañá inaugúranse dúas exposicións. Unha delas é o Primeiro Concurso Fotográfico Río Eo e a outra é unha exposición organizada pola Deputación. Pola noite haberá verbena amenizada pola orquestra Suavecito e o grupo Midas.

-¿Que novidades hai con respecto a outros anos?

-Nesta ocasión hai tres concursos, o da Festa da Troita propiamente dito, un concurso de cola de rata (ou mosca seca) e outro xuvenil, para rapaces de entre 12 e 17 anos. Ademais, o venres ás 11.00 inaugúrase na Casa da Cultura a Primeira Feira de Pesca (montaxe de mosca, culleriñas e peixe artificial). Tamén queriamos montar un estanque con troitas na praza do Concello, para os máis pequenos, pero Medio Ambiente non deu autorización. Esta era unha idea do alcalde, e parecíanos que podía ser algo moi interesante e coa que os cativos poderían aprender moito, pero non puido ser.

-¿Canta xente hai anotada nos concursos?

-Hai 75 persoas anotadas, uns trinta menos que o ano pasado, e no concurso xuvenil hai oito. Veñen de toda Galicia e tamén de Asturias e León.

-¿Cre que se acadará a cota?

-Todos esperamos que si, e a todos nos gustaría, pero moito me temo que non será así. Non creo que ninguén logre pescar as oito troitas que marca a cota. O número de pezas baixa de ano en ano. Ao principio collíanse centos de quilos de troitas, pero xa na última edición pescáronse só 167 pezas.

-¿Por que baixou tanto a poboación de troitas no río Eo?

-Eu creo que xa non se pode falar de poboación de troitas, pero tampouco son bióloga nin especialista, polo que non podo explicar as causas. O que está claro é que hai que actuar para recuperar a vida no río Eo, porque agora parece que está morto. E mentres non limpen os ríos, non vai volver a vida.

-¿En que zonas se pode pescar este ano?

-Para o concurso xuvenil, que será con pesca sen morte, pódese facer no tramo urbano que hai de ponte a ponte. O concurso de cola de rata terá lugar no tramo de río que hai desde A Pontenova cara abaixo, que é no que a Consellería de Medio Ambiente deu permiso para pescar cunha talla mínima de 25 centímetros. Por último, o concurso da Festa da Troita propiamente dito terá lugar desde A Pontenova cara arriba, nos cotos chamados Libre da Pontenova, Salmeán, Xinzo e Vilarmide. Nesta zona a talla mínima é de 21 centímetros.

-¿Que outras actividades teñen programadas desde o CIT?

-En principio, o máis inmediato é rematar coas actividades de inverno, que son os cursos de ximnasia, aeróbic e pintura ao óleo. Despois, de cara ao verán organizaremos a paella, como todos os anos, na que soemos participar máis de trescentas persoas.