«O mellor do documental sobre Burela é o valor humano»

Mañá preséntase na localidade burelense nun acto aberto ao público a obra audiovisual do proxecto lingüístico


Mañá, xoves, ás oito da tarde no salón de plenos do concello está prevista a entrega de copias do documental Modelo Burela e presentación nun acto aberto ao público deste traballo audiovisual que formou parte do proxecto lingüístico sobre o uso do galego escrito en Burela que partiu do IES Perdouro como unha iniciativa didáctica e rematou coa creación por parte do Concello de Burela dun Proxecto de Planificación Lingüística, aprobado en abril do ano pasado. A longametraxe, de 66 minutos de duración, foi realizada por Matías Nicieza (Burela, 1978) e guionizada por Bernardo Penabade. Nela se recollen as testemuñas dos protagonistas que aportaron documentos de galego escrito. Nicieza contactara co mundo audiovisual xa na etapa do bacharelato e tivo experiencias detrás e diante da cámara en curtametraxes. O ano pasado titulouse como técnico en cinematografía e artes visuais na especialidade de dirección e guión na Escola de Cinema de Ponferrada. Nun traballo co berciano Alejandro López contou no reparto coa colaboración do gañador dun Goya Carlos Álvarez-Novoa, así coma do actor asturiano José Antonio Lobato. Tamén participou como actor na longametraxe ¡Maldito bastardo! (Javi Camino, 2008).

-¿Cantos protagonistas se poden ver en «Modelo Burela»?

-Recóllense 52 entrevistas. Houbo moi boa colaboración e iso que algúns tivemos que gravalos dúas veces por problemas técnicos, un ata tres.

-¿Percibiu moitos nervios da xente diante da cámara?

-Nalgúns máis que noutros. Só tiñan que contar unha historia pequena e real. Diciámoslles que se esquecesen da cámara. Bernardo Penabade, que foi o guionista, estaba comigo. Na maioría dos casos a escolla dos participantes foi cousa del. No 2006 había no Perdouro unha materia de técnicas de expresión escrita, na que lles mandaron aos alumnos recompilar documentos escritos non oficiais en galego e daí foi xurdindo o tema de Modelo Burela. En Burela máis do 80 por cento da xente fala galego pero se escribe pouco.

-¿Con que historia que recolle o documental se quedaría?

-É difícil quedarse con unha. Pareceume moi emotiva e destacable a de Dores Santos (sobre unha lápida dos seus antepasados escrita en galego).

-Como experiencia profesional, ¿que tal lle resultou?

-Foi unha experiencia nova porque nunca fixera un documental. Para min foi tirarse ao baleiro porque se fixo cos medios que hai no instituto e sen equipo humano porque éramos so Bernardo e eu. Foi unha loucura da que me sinto contento. O principal é o valor humano que queda aí rexistrado.

-O estilo documental é moi concreto, ¿como o plantexou audiovisualmente?

-Non me cerrei a ningún esquema determinado. Os documentais se soen escribir a posteriori, despois de recoller a documentación. Bernardo fixo o guión que tivemos que variar, había moito voz en off que tivemos que quitar. Se podo explicar algo sen ela non a uso. Seguimos un esquema e fixemos as entrevistas.

-¿Onde se poderá ver o documental?

-A intención é, de momento, facer proxeccións na biblioteca do IES Perdouro abertas ao público e durante varios días, pero non hai datas fixas aínda.

-¿En que novo proxecto anda metido agora?

-Como non conto con financiación nin con equipo humano e técnico estou a ver que me propoñen. Ideas teño pero recursos non. Acepto ofertas.

-Na carreira optou pola especialización en dirección, ¿pensa centrarse nese camiño?

-Foi o que estudei, pero despois tes que aterte ao que haxa.

-¿Como ve o futuro do sector audiovisual, dende o punto de vista de alguén que aínda está empezando?

-Vexo que é un mundo un pouco cerrado, no que costa entrar. Para entrar tes que suar. Estou disposto a facelo. Non me iría a Hollywood, porque hai determinados esquemas de produción e un sistema que para min é o anti-arte, creo que é buscar desesperadamente os dólares e tanto dá o resultado, sobre todo nas obras de gran presuposto. Para o cine independente si me iría.

Lembren os lectores, tamén os participantes neste documental, que se presentará mañán pola tarde no salón de actos do Concello de Burela. De seguro que ha despertar o interés de moitos veciños. E lembren outro dato importante: en Burela o 80% dos veciños falan galego, aínda que -iso si- escriben poucos neste seu idioma.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
3 votos

«O mellor do documental sobre Burela é o valor humano»