O restaurante La Mirandilla aglutina á familia Fraga Río, na que as decisións sempre se toman por maioría. O peixe e o marisco constitúen o xerme de todo
01 feb 2009 . Actualizado a las 02:00 h.Cosme Fraga Naray, focego, leva 48 anos vivindo en Rinlo, dende que casou con Socorro Río Coto, rilega de sempre. «O meu home andivo navegando, despois veuse para a casa, traballou nove anos e medio no arrastre en Ribadeo, despois nunha serra, en San Cosme, e logo nunca cetárea, a última que hai das dos Vázquez, agora en ruinas», conta Socorro, a nai. «Despois fómonos de alí e puxemos unha cetárea, debaixo da nosa casa, aquí en Rinlo». Era o ano 1988.
Dende aquela a familia enteira vive do peixe e do marisco. Os inicios do negocio propio foron duros. «Cando empezaron co peixe había poucos medios económicos e pasabase mal. A primeira vez que foron á lonxa a Ribadeo a mercar unha caixa de chicharro, miña irmá Tita (María Antonia), que xa estaba casada, deixoulles cinco mil pesetas. A raíz de aí empezaron», conta Choco (Socorro).
Os clientes tiveron moito que ver coa decisión de Cosme e Socorro de continuar co negocio, xa pola súa conta. «Empuxáronnos moito para seguir co marisco; andabamos co peixe polas aldeas e tamén serviamos algúns restaurantes», explica a muller. Dende que tomou as rendas Cosme, o fillo, que xa lles axudaba dende os 20 anos, intensificáronse as vendas aos restaurantes. Tita, Choco e Rosa María tamén colaboraron con seus pais na cetárea.
Tita quería cociña propia
A maior, Tita, leva dende os 17 anos de cociñeira: «Empecei no que era o campamento da Devesa, pasei ao Foguete, despois cando casei parei un tempo e volvín... O meu sempre foi estar metida no buchinche ». «Tita sempre foi moi amante da cociña e da hostalería e sempre dicía que o seu soño era levar a súa propia cociña», lembra Choco. E de aí xurdiu a idea de crear o seu propio restaurante, a marisquería La Mirandilla, por suposto en Rinlo.
Na Mirandilla (o nome púxoo a nai; di que era alí onde se vían chegar as lanchas, anque realmente era na punta da rambla) caben todos. Tita é a encargada da cociña; Choco leva o comedor e Rosa María, o bar, onde tamén traballa o seu home, Pepe. Cosme, o irmán, suminístralles o peixe e o marisco -«¡Que mellor producto que o da casa! É garantía de calidade», suliña a cociñeira-. E os avós coidan dos netos, nada menos.
As irmáns están moi agradecidas do apoio do único varón. «Pelexouno tanto coma nós, aínda hoxe», asevera Rosa María. E Choco afonda: «Dende que empezou a obra (do restaurante) e se pediron os préstamos estivemos sete anos pagando, coa obra parada, por temas políticos. Non daba arrancado. Cosme loitouno moito». A boa marcha da marisquería, nestes dous anos e medio, compensou todos os trastornos.
Un Tenedor de Oro
O resultado xa foi recoñecido cun Tenedor de Oro, na sección de Marisquería, que recibiron en Santiago, en novembro: «Quedámonos mirando e non sabiamos se estaban dicindo o noso nome», recordan, entre risas. As parrilladas de peixe e de marisco son dous dos pratos estrela da Mirandilla. De entrante, os clientes piden moito as croquetas de marisco. A vieira rechea de centolo, gratinada, ten moitísima aceptación, anque leva pouco máis de dous meses na carta; tamén o polvo ou as fabas con ameixas.
Onde cabe un, caben oito
O réxime da Mirandilla é democrático: «O lema é que gaña a maioría. Sempre se vai a votación e a decisión que sae adiante é a válida. Ata agora funcionou», destaca Choco. Sen rencores. «Sorte que conxeniamos», exclaman. En Rinlo teñen aos Fraga Río por unha familia moi unida, exemplar. «Onde ían os pais ían os fillos, e onde ían os irmáns ían os cuñados... 'Se hai para un hai para oito', como din en casa de Choco», corroboran. Os proxenitores están moi orgullosos.
A terceira xeración vai camiño de herdar o oficio. Estefanía, filla de Tita, axuda no restaurante nas vacacións; o vástago de Rosa, de 12 anos, «di que virá cando sexa máis grande»; Choco apunta que Lucía, a máis pequena, xa pediu unhas potas coma as de Tita e un mandilón; e o neno de Cosme apunta maneiras para o marisco.