Domingo González e José Soto, presidentes do Viveiro e do Foz, analizan o derbi comarcal que enfrontará aos seus equipos o vindeiro domingo en Cantarrana
16 ene 2009 . Actualizado a las 02:00 h.Os comentarios sobre o derbi mariñao de Preferente Autonómica entre Viveiro e Foz, que se dirimirá o próximo domingo en Cantarrana (16.15 horas), medran conforme se achega a hora na que o coruñés Andrade Seoane dea a sinal para que comece o choque. A menos de tres días de que os dous equipos se citen no céspede do estadio viveirense, os máximos dirixentes de ambas entidades analizan de que xeito se ven o encontro e como esperan que se desenvolva. Tanto Domingo González, presidente do Viveiro, coma José Soto, primeiro mandatario do Foz, coinciden en sinalar que agardan un partido «bonito e con goles».
-¿Os derbis tamén son encontros especiais para os directivos?
-Domingo González: Si, son especiais. Máis que nada polo morbo que esperta un enfrontamento entre os dous equipos da zona. E, ademais, no noso caso, porque no Foz atópanse o noso antigo adestrador e xogadores que o ano pasado defendían as cores celestes.
-José Soto: Certamente son especiais e diferentes para todos, tanto para nós como para os xogadores e os afeccionados. Asemade, ao estar a só dous puntos do Viveiro, convértese nun choque especial en tódolos sentidos.
-¿Quen cre que é favorito o domingo, tendo en conta que o Viveiro aínda non perdeu en Cantarrana e o Foz está colleitando mellores resultados fóra do Martínez Otero?
-D: Entendo que porque xogamos na casa, porque ninguén nos derrotou aínda aquí e porque no Martínez Otero merecemos algo máis co empate, penso que nós somos os favoritos, aínda que é certo que eles están xogando mellor fóra da casa. Non me gusta colgarnos o cartel de favoritos, pero creo que tampouco debemos de ir de vítimas.
-J: Depende do día que teñamos cada equipo e, realmente, creo que non se pode predicir gran cousa. Nós imos ir a Viveiro con toda a ilusión do mundo a tentar levarnos os tres puntos.
-¿Que xogador do equipo contrario é o que máis teme?
-D: Sen dúbida algunha, o xogador que máis temo é Criss. Paréceme o home máis determinante e desequilibrante que teñen, por riba incluso de xente coma os irmáns Murado ou Óscar Pol.
-J: O dianteiro Emanuel. Polo que vimos en Foz e pola tempada que está facendo, semella o seu xogador máis decisivo.
-?Agarda un choque típico de rivalidade ou un partido como o de ida, con moitos goles e bo xogo?
-D: Espero que sexa un partido bonito e aberto, no que os afeccionados podan gozar dun bo xogo. Os dous equipos temos xente de calidade arriba e, se os adestradores deciden xogar ao ataque, creo que pode haber moitos goles.
-J: Penso que vai ser un partido bonito, disputado e limpo, como xa fora en Foz.
-¿Atrévese cun prognóstico para o derbi que disputarán este domingo?
-D: Un 3-1 sería un bo resultado para o Viveiro.
-J: Non me atrevo a dicir un resultado porque non soio atinar. Confórmome cun 0-1, pero penso que vai haber máis goles.