«Un pódese equivocar pero, na vida, o máis importante é a dignidade»

A MARIÑA

Do hotel Bahía o focego Suso Fernández herdou o apelativo, a paixón por comerciar e un espíritu inquedo que o levou a poñer en marcha multitude de proxectos en Foz

10 ene 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Aínda algo convalecente por unha mala caída, Suso Fernández, conversador ameno e locuaz, ousa mirar atrais, anque ás veces doa. Fixo estudios de maxisterio e procurador de tribunais, pero defínese a si mesmo como comerciante. «Nacín nunha casa de negocios e iso marca. Cando pretendín empezar a exercer de procurador, vin que me tiraba máis o comercio», explica. En Foz e aínda fóra, Suso Fernández é Suso do Bahía. «A miña familia era O Bahía, había sala de festas, hotel, panadería, muíños fariñeiros, ultramarinos, camións de transporte...», conta. Súa nai era unha muller «moi traballadora, moi comerciante, moi arriscada para as inversións». E de aí lle debe vir a el o espíritu emprendedor.

«Non eramos ricos, eu non recordo ver cartos na miña casa, pero si moita actividade», lembra. Dos once irmáns chegaron a vivir xuntos oito e agora quedan dous. O máis novo (logo de que morrera o benxamín, con só catro meses) é Suso, que medrou no hotel Bahía, fundado en 1945. «A hostelería é moi dura, pero é preciosa; había unha relación moi boa coa xente, era unha casa cunha cantidade de amigos tremenda... Miña nai e meu pai eran moi alegres e cantaríns, miña nai carretaba cafés ata as tres da mañá», narra. Pero nin el nin seus irmáns seguiron co negocio. «Fómonos independizando e collendo outros vieiros».

A primeira librería de Foz

En 1963 Suso da Bahía casou e fundou a primeira imprenta e a primeira librería da historia de Foz: «É unha vocación miña, igual que escribir ou colaborar en prensa (dende hai medio século). Tiven un gran amigo, que foi xornalista, o gastrónomo Jorge Víctor Sueiro, nos Maristas da Coruña, onde fixen o Bacharelato, e el meteume o gusanillo; tamén me influiu un irmán marista, profesor de literatura, animoume a escribir. Sempre o fixen, por afición, e sempre fun un gran lector. E cando pensei a que adicarme dixen 'quero unha librería'. Daquela, cando non se vendían libros, non o fixen para gañar cartos». Durante anos o comercio foi tamén papelería, perfumería, droguería... Vendía ata vendía instrumentos musicais. «Tiñas que ter de todo. Evolucionou e hoxe é librería e xoguetería, moi boas», rexentadas pola súa filla María del Cielo.

Emprendedor e pioneiro

Do carácter emprendedor e pioneiro de Suso Fernández dan fe a cantidade de iniciativas e proxectos que leva impulsado en Foz. Fundou a asociación de pais de alumnos do instituto e presidiu a APA do colexio O Pilar; puxo en marcha a ruta Pardo de Cela -«inventeina eu no 71, fun quen a bautizou; organizabamos excursións en autobús dende Foz, dous días á semana»-; creou a Asociación Cultural O Feitizo -«antes era de artes plásticas e de ámbito comarcal, estaban Isidoro Alvariño, Martín Jaureguízar ou Juan Puchades»-, a asociación de comerciantes, que presidiu 15 anos; organizou a primeira feira de artesanía de Galicia con artesáns traballando cara ao público, nos setenta; promoveu o primeiro partido de fútbol feminino da historia de Foz, en 1971, entre o Racing da Agulla (costureiras) e o Sporting do Mostrador (hostalería); a feira do libro, que pervive; as bodas de ouro do asilo; a coral, na que tamén cantou... A lista é case interminable.

O cronista oficial de Foz -«é un honor»- ten catro libros publicados: Guía histórica y artística de San Martiño de Mondoñedo , Foz, un lugar de ensueño ; Foz, o mar e as xentes y Miscelánea focense . O inventario de méritos é grande e tamén son moitos os recoñecementos: Premio Manuel María, Lucense do Ano, Escanciador de Honra da colonia astur da Mariña, Premio Irmandade do Libro, Insignia de Prata do Orfeón de Mondoñedo...

A amizade -«o gran amigo da miña vida é Carlos Vázquez Villa, está en Nova York»-, constitúe un dos maiores patrimonios de Suso do Bahía. Con Marita, a súa muller, e os seus vástagos, «unha ilusión grande». A vida deulle un golpe terrible coa repentina morte da súa filla Cristal, aos 17 anos. O piano quedou mudo e todo se desfigurou. O nome de Cristal fora unha homenaxe a un dos seus poetas máis queridos, Curros Enríquez; igual que o de Saleta o foi un pouco a Manuel María, íntimo amigo, pois así se chama a súa viúva. César era o irmán cativo de Suso, falecido aos catro meses, e quixo que fora o do seu fillo. E María del Cielo era unha nena que faleceu atropelada en Vigo. «Aquela morte impresionoume», evoca.

Sangue dos Botes e do Xuíz

Se algo tratou de inculcarlles aos fillos e agora tamén aos netos -ten sete e disfruta facendo de «pastor eléctrico», como adoita dicir- é o valor da dignidade. «É o máis importante, despois equivocaraste, pero a túa dignidade como persoa...», recalca Suso Fernández, que leva sangue dos Botes (por súa nai) e do Xuíz (como apodaron a seu pai). Pendente quédalle pouco, asegura, tras unha existencia rica, na que case sempre fixo o que lle apeteceu. «Xa non hai tempo para novos proxectos», pero si para seguir axudando «a darlle un carisma cultural ao meu pobo» e disfrutar cos amigos.