«A merluza do pincho e?? un produto moi prezado»

A MARIÑA

No Nadal restaurantes locais agasallarán a clientes que pidan peixe de Burela co libro «Sabores do noso mar»

10 dic 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

A concelleira do Mar en Burela Remedios López (Cangas-Foz, 1965), ao carón do alcalde burelense Alfredo Llano, presentou onte un coleccionable que sae á luz chamado «Sabores do noso mar» no que se ofrecerán receitas do peixe que sae do porto local. A primeira remesa, de mil exemplares, está dedicada á merluza do pincho e se sacará outra na que o bonito será o protagonista. No 2009 esperan seguir ampliando novas e máis propostas exquisitas.

-¿Como xurdiu a iniciativa e quen participa nela?

-En maio cando fixeramos as primeiras xornadas gastronómicas falamos con Absa e nos dixeran que preferían facelas da merluza do pincho, e foi cando tomamos a idea de facer un libro. No libro do bonito tamén vamos a falar da súa festa, que se celebra en agosto. Sacar máis libros doutros produtos dependerá de do cal se promocione e en que época. O coleccionable o edita o Concello de Burela e no da merluza do pincho axudaron a financiar Política Lingüística (vai escrito en galego), Absa e Cofradía de Pescadores de Burela.

-As receitas, ¿quenes as elaboraron e como se poderá conseguir o volume?

-Os hostaleiros que participaron nas xornadas gastronómicas. Daquela convertemos o concello nun estudo para sacar as fotos dos pratos que nos trouxeron. Neste primeiro libro hai unha receita de merluza por cada restaurante, da Parrillada de Jandro, Botafumeiros, O Poeta, A Bodeguilla, Os Remos, Sargo, Don Jamón, O Portelo, Pizzbur, Miranda, Palacio de Cristal e Hamilton. O libro é dunha calidade excepcional. Levamos 20 a cada restaurante que participou para agasallar aos clientes que vaian alí a consumir peixe de Burela nestas festas. E se lles fan falla máis, se levarán máis. As fotos son marabillosas.

-¿Cantos exemplares se editaron nesta ocasión?

-En principio mil exemplares pero vamos a reservar algún porque pensamos levalos a feiras de promoción turística.

-¿Probou algún prato?

-Probeinos todos porque o día das xornadas gastronómicas no concello se fixeron cos xubilados do mar unhas charlas, onde eles contaban as súas experiencias do mar, e despois fixemos unha degustación. Cada restaurante trouxera unha merluza preparada de distintas formas, e todos puidemos probar as distintas receitas da hostalería. ¡Todas riquísimas!

-Dígame unha ou dúas, as que máis lle gustaran.

-Todas eran moi boas...

-¿Que receitas se poden atopar de merluza?

-Por exemplo, mousse de merluza, con salsa de ourizo, en salsa vermella, cóctel de merluza, á cazola, á mariñeira, Don Jamón, pizza de merluza, rechea de marisco e merluza Hamilton.

-E a materia prima é de calidade recoñecida.

-A merluza do pincho é un dos produtos máis prezados do noso peirao. Pola súa calidade fai que o nome de Burela estea presente en todo o territorio nacional.

-A merluza, ¿como a prefire á hora de comer?

-É un prato que me encanta, sexa como sexa, en calquera variedade. Na casa sempre cenamos peixe e aos dous nenos que teño os teño acostumados a comer peixe todos os días.