O colectivo ao que pertence a antropóloga pechou unha nova ampaña de axuda ao país cabovediano
11 nov 2008 . Actualizado a las 02:00 h.A campaña de axuda Proxecto Xuntamán que se desenrolou na Mariña por segundo ano dende Burela pechou xa, promovida pola Asociación para a Cooperación con Cabo Verde (ACCVE), colectivo no que é vicepresidenta e representante en Galicia a antropóloga Luzía Oca (Ribadeo, 1971), con raíces familiares tamén en Viveiro e na Rigueira (Xove). Foi unha das fundadoras de ACCVE.
-¿Como unha antropóloga rematou tan conectada co país caboverdiano?
-Estivera traballando coa xente caboverdiana dende Burela, fora o meu primeiro traballo en serio. Xa en antropoloxía me interesaban as culturas humanas, a resposta que cada cultura dá para os mesmos problemas. O caboverdiano é un pobo interesante porque aparte de estar no país están polo mundo e Burela é só un bocadiño. Foi aí onde aprendín da cultura caboverdiana. E tamén foi algo a nivel persoal. Por outro lado, sempre me gustou a loita política, e esta é unha forma de facela.
-¿Cando se creou esta asociación?
-Eu son unha das fundadoras e son vicepresidenta. Se fundou no 2003 en Galicia pero foi no 2006 cando se legalizou en Cabo Verde.
-Obxectivos.
-Promover axuda de cooperación e de desenvolvemento, entendida como solidariedade e non como caridade. É unha forma de devolver a Cabo Verde o que lle quitamos: as persoas máis novas e capaces que veñen a traballar connosco. Iso ten un gran impacto na orixe.
Luzía Oca vive agora en Cabo Verde, aínda que visita «frecuentemente» a súa terra natal, porque aló leva uns dous anos dirixindo un proxecto para mulleres, que se desenrola dende abril do 2007 a marzo do 2009. «Traballamos -explica ao respecto- con fondos da Agencia Española de Cooperación Internacional y Desarrollo, do Ministerio de Exteriores, nese proxecto e nos acaban de conceder un a nós. O da axencia española ten unha parte dirixida a mulleres, o que dirixo, na parte costeira da Illa de Santiago, pero ten tamén unha compoñente de menores na Illa de San Vicente, onde temos aberto un centro de día para menores en risco, en situación de vulnerabilidade». «A emigración a ninguén lle gusta e en Cabo Verde é case coma se fora nos xenes. Levan tres séculos emigrando», di.
-¿Que ten de especial Cabo Verde para vostede?
-Vivo en Cidade Velha, de tres mil habitantes, preto da capital. Esta non me gusta porque é ruidosa. Gústame estar nos pobos, coa xente, en recunchos aos que me gusta ir cando podo e me sinto ben. Cabo Verde é un país moi amable.
-Despois da súa etapa traballando en Burela cos caboverdianos, agora coñece a outra parte.
-Co programa Bogavante era ver so unha parte. Como antropóloga estudo as migracións, que son orixe e destino.
-¿Algún proxecto máis proximamente?
-Probablemente a principios de decembro vaiamos invitadas a unha feira en Bruxelas sobre emigración e desenvolvemento, da Unión Europea e da ONU.
-Rematou a campaña solidaria que promoveron na Mariña dende Burela, ¿que tal se desenrolou esta segunda edición?
-Acabo de ver todo xunto... ¡Meu Deus! Temos como dez palés (había cousas tamén do ano pasado) e este ano foi máis rápida e máis efectiva. Sae a semana que vén para Cabo Verde.