«Non todo é estudar, tamén tes que saber cando parar»

A MARIÑA

A ex alumna do Vilar Ponte acadou máis dun 9 de media entre bacharelato e selectivo. Agora céntrase en ser fisioterapeuta

09 nov 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

A ex alumna do Vilar Ponte Katia Pigueiras (Viveiro, 1990) recibiu hai semana e media un dos premios de Excelencia Académica de Galicia no Palacio de Congresos de Santiago, que se conceden a alumnos que tiveron un 9,3 ou máis de media entre bacharelato e selectivo. Ela tamén estivo entre os tres alumnos do instituto viveirense con mellor nota nas probas de acceso á universidade. Katia xa está nela, concretamente na de A Coruña estudando fisioterapia, elección coa que tivo que ver moito a súa gran afección deportiva.

-¿Que tal a «aterraxe» na universidade?

-Aínda estou empezando, aínda estou en proceso de adaptación pero resulta algo complicado poñerse despois das vacacións deste verán, que foron as máis longas que tiven. A universidade é un proceso novo no que cambias de vida.

-¿Cre que fixo boa elección coa fisioterapia?

-Todas as materias que teño era o que eu esperaba, aínda que sempre hai algunha que non che gusta, pero é coma en todo.

-Recibiu un dos premios de Excelencia Académica pola súa nota... ¿Considérase unha boa estudante?

-Máis ben penso que hai que saber organizar, compaxinar todo, non todo é estudar, senón que tes que saber cando parar, non volcarte demasiado. O ideal é facelo día a día, pero non é so estudar, na clase hai atender, molestarse tamén cando chegas á casa, pasar os apuntes que sempre algo che queda. Non son de estudar con esquemas, son máis ben de subraiar e intentar entender as cousas.

-Chapar non é o seu estilo de estudar, polo que se ve.

-Agora na universidade por moito que chapes non sirve de nada. Pero está claro que as cousas non as regalan. Hai que traballar día a día. No futuro gustaríame poder ser fisioterapeuta para poder gañar a vida con algo que me gusta porque non é so por gañar cartos, senón por sentirme independente.

-Nunca é bo xeneralizar, pero ¿que pensa cando oe dicir que os xóvenes hoxe en día non se esforzan tanto nos estudos?

-Eu teño todo tipo de compañeiros, amigos que estudan pero tamén outros que repetiron curso... un pouco de todo. Está claro que non é bo tipificar aos xóvenes cunha etiqueta. Creo que como estudante tamén tes que ter momentos de relax e eu procuro telos en datas sinaladas.

-Falando do tempo libre, ¿cales son as súas afeccións?

-Gústame moito o deporte. Ao fútbol sala xoguei moitos anos. Practiquei moitos deportes: bádminton durante seis anos, atletismo cinco anos, judo dous ou tres... Ao fútbol sala dende pequena sempre xoguei pero xa en equipo foi máis recente, no Egobarros aínda que agora cambiou de nome. Tiven que deixalo o ano pasado, basicamente porque non me daba tempo para facer todo.

-¿Cales eran as súas materias favoritas no instituto?

-A verdade é que o deporte, bioloxía e química. Esas tres ramas me gustan.

-¿Ampliará os estudos universitarios cando remate a diplomatura de fisioterapeuta?

-Despois me quedaría o postgrado. Pasa tamén que somos a última xeración que entra polo plan vello e contemplo a posibilidade de que acabe no plan novo e igual acabo obtendo unha graduación.

-¿Como se ve no futuro na universidade?

-A universidade supón un cambio moi grande e non podes deixarte caer no primeiro momento. Din que o primeiro ano é máis ben de toma de contacto pero aínda así acabas acostumándote e non só te enriqueces estritamente a nivel de formación, aprendes máis cousas, te orientan máis cara o sentido laboral, cousa que no instituto non se vía tan de cerca.