«Nin por un millón daría todo o que aprendín no conservatorio»

A MARIÑA

Este veciño de Bravos, de 71 anos, acaba de empezar o segundo curso no centro de ensinanza musical de Viveiro e xa toca con soltura o acordeón

01 oct 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

O traballo de axente comercial, que o levou por toda a península, non lle deixou tempo para afondar nunha vella paixón, a música. Jaime Peña, veciño do lugar de Teixós (parroquia de Bravos, Ourol), esperou á xubilación para estudiar solfeo e aprender a tocar o acordeón. E xa vai no segundo curso de ensino de adultos no Conservatorio Profesional de Música de Viveiro. Orgulloso e satisfeito.

-¿De onde lle vén a afección pola música?

-Meu avó, o pai de meu pai, xa tocaba o acordeón e o violín. Naceu en San Pantaleón de Cabanas, onde tiña un ultramarinos e un salón de baile, aló polos anos 40, e tocaba os dous instrumentos, máis o violín. Eu xa tiña o gusanillo dende hai moitos anos, sobre todo de tocar a gaita.

-Pero tivo que esperar ata a xubilación.

-É que antes non podía. Ao xubilarme aburríame sen facer nada e decidín mercar un acordeón. Foi hai dous anos, estiven un ano ao tun tun , sen solfeo nin nada e agora, despois do primeiro ano no conservatorio, xa toco cinco ou seis cancións.

-¿Que facía antes?

-Era axente comercial. Vendín máquinas de coser polas casas no País Vasco... Levei máis paos coas portas dos pisos... Nunha editorial estiven catro anos, vendendo libros e enciclopedias, por Asturias e por aí. E dediquei 12 anos a vender viño, pola zona de Ortigueira, Sada...

-Vexo que andivo mundo.

-Levo bastante mundo percorrido, estiven trinta e pico de anos vendendo viño, tiven unha adega propia aquí en Bravos, traía o viño de fóra en camións cisterna e tiña aquí un depósito.

-Pero a música xa a levaba dentro.

-Tería seis ou sete anos cando oía tocar o violín a meu avó. Agora, no conservatorio, vou a clases de acordeón, os martes; e de solfeo, os venres. E os mércores vou ao Centro de Maiores de Caixa Galicia a tocar a pandeireta e máis cantar no coro.

-¿Que tal anda de voz?

-O director do conservatorio (Antonio Álvarez, Dosi ) di que a teño boa. Estiven seis ou sete anos na coral de Bravos, canto de tenor.

-¿Que tal se lle dan as clases de solfeo?

-O difícil non é o solfeo, porque xa tiña unha idea de antes de ir á mili, que estivera no conservatorio de Viveiro. O máis difícil é o acordeón porque hai que dar aire, tocar as teclas e os baixos... A partitura tamén é un follón.

-Agora a música ocupa case todo o seu tempo.

-É que teño moito tempo libre. Vivo en Bravos, pola mañá atendo o horto, planto patacas, cebolas, puerros, fabas, xudías, tomates, algo de todo. E pola tarde doulle á música e cando non teño música boto a partida coas mulleres, eu son o único home.

-¿Ten sorte coas cartas?

-Gústame gañar pero perdo moitas veces, ás mulleres dalles por falar e perdemos.

-¿Que lle aporta a música neste momento da vida?

-Sobre todos as amistades que fixen no conservatorio, axúdanme moito. O ano pasado actuamos no Casino de Viveiro, éramos doce acordeonistas, todos aprendices. Xa lle digo a Dosi que nin por un millón de pesetas daría todo o que aprendín no conservatorio. Os amigos dinme 'parece mentira, aos teus anos' e eu esto moi orgulloso.