A comarca intensifica dende hoxe ata o domingo, e concello a concello, as actividades para celebrar a día dedicado a Xosé María Álvarez Blázquez
15 may 2008 . Actualizado a las 02:00 h.O Día das Letras Galegas, o 17, é toda unha homenaxe popular á nosa fala. A Mariña súmase a esta data senlleira que se dedica a Xosé María Álvarez Blázquez.
Ribadeo é un dos puntos da comarca onde se vivirá con intensidade. O concello pon en marcha a iniciativa «Pan e letras». Nos puntos de venda de libros, xornais e pan da vila os clientes recibirán mañá tarxetóns cun poema de Álvarez Blázquez, un texto da súa vida e obra feito por Darío Xohán Cabana e unha ilustración de Mauro Leivas. O sábado (12.30, Casa das Letras) presentarase o texto gañador do I Premio Manuel María de Literatura Dramático e Berrobambán ofrecerá a función Boas Noites (19.00, auditorio). A Banda de Música Municipal ofrecerá un concerto con autores galegos (20.30, IES Gamallo Fierros) e a Sociedade de Amigos da Gaita Galega se sumará ese día cun pasarrúas a cargo do grupo Follas Novas e unha mostra de baile e música tradicional no Cantón dos Moreno.
O teatro forma parte das propostas de Viveiro para pasado mañá. O grupo de improvisación do conservatorio e a coral alborada mostrarán a súa arte (12.00, praza da Fontenova) mentres as librarías Neira e Porta da Vila venden libros nese espazo. Ese día o grupo do Vilar Ponte porá en escea (20.30, teatro Pastor Díaz) Comedia Bífida. Xuízo aos prexuízos de Manuel Ningala. Na cidade, o Casino Club Náutico con motivo da festividade das Letras Galegas organiza acto con lectura de poemas con Dolores Fernández e Antonio Navarrete e música de Loli y Fajardo. Estará aberto ao público en xeral. Aparte, o colexio Pedrosa Latas celebra hoxe (15.00, teatro Pastor Díaz) o seu festival das Letras.
En Cervo, as Letras Galegas coinciden cos dez anos de O Bordelo. Ademais de representar R.I.P.: Marandaina en San Cibrao (19.00, Casa do Mar) este sábado, xa mañá abrirán (18.00, Caseto de Copa) a exposición fotográfica Dez anos nos escenarios. O Concello tamén ofrecerá cine infantil esta fin de semana, a película Donkey Xote os días 17 (17.00, Casa da Cultura) e 18 (17.00, escola de Rúa). Por outro lado, Airiños do Xunco fará o seu festival este sábado (19.00, auditorio de Sargadelos) co grupo de pandereiteiras, un recital poético con Jacobo Casal e Mª Dolores Basanta, concerto de Sistemática e entrega de premios do seu concurso literario.
En Alfoz continúa hoxe e mañá co ciclo municipal de cine infantil. Proxectarase ás seis e media da tarde O bosque animado e O Cid, a lenda, respectivamente. Será no centro sociocultural. Aparte, a asociación O Castelo celebrará este sábado xogos populares (16.00), charla de Dolores Sánchez Orol (17.00), monólogo de Raiolas (17.30) e entrega dos premios Trulasqui.
Un recital poético, entre outras citas, é a forma elixida polos escolares Vicente Casabella de Ourol para conmemorar a data mañá (19.30, centro social de Merille). No acto tamén se entregarán os diplomas de varios obradoiros e os premios do noveno certame de conto local.
En Xove o instituto fará mañá a ruta de senderismo de Monte a Pau da Vella e o vindeiro luns, 19, recibirá a presenza do contacontos en inglés e galego Tim Bowley.
En Lourenzá entregaranse mañá (19.00, Casa do Concello) os premios do certame de narración e debuxo, no lograron os primeiros postos Xaquín Sánchez, Adrián Huertas, Nazareth Barroso, Mariana Pérez e Codes Lillo.
En Barreiros tamén se fallou o mesmo concurso, que gañaron Vanesa García, Raquel Díaz, Uxía e Sofía Fernández, Iago Méndez, Julia Cerrada, Lía Rego, Elisa Expósito, Alexia Val, César Franco, Paula Martínez, María Lourés, Nazaret Lorenzo, Iván Moreno, Darío Vázquez, Carlos Baamonde e Carlos Henrique.