O programa Comenius pretende atender as necesidades de ensino e aprendizaxe de todos os participantes desde Educación Infantil a Educación Secundaria, así como das institucións ou organizacións que imparten esta formación. Entre os obxectivos está mellorar a calidade e incrementar a mobilidade dos alumnos e o persoal educativo, pero tamén potenciar a aprendizaxe de linguas estranxeiras entre profesores e alumnos. Comenius pretende tamén incrementar a calidade e a dimensión europea da formación do profesorado e apoiar as melloras nos enfoques pedagóxicos e na xestión escolar. O IES Monte Castelo desenvolve o Comenius bilateral, con Flash Back. Participa co Gymnazium Pripotocni de Praga, ata o 2009. Elaboran materiais conxuntos de alumnos e profesores de ambos os centros utilizando as Técnicas de Comunicación e a Información (TIC), especialmente o blog, para mellorar o inglés e o español, e destaca o intercambio de alumnos durante doce días que participarán das actividades dos centros e convivirán con familias. ? O Comenius Multilateral, baixo o epígrafe de Media, traballa na educación cos medios de comunicación, tanto os clásicos como as TIC, para unha formación ao longo de toda a vida. Xunto ao IES Monte Castelo participan o colexio Via Domitiade, de Francia; o Liceo de Artes, de Romanía e o colexio Larciano, de Italia. Buscan intercambiar ideas, experiencias e estratexias pedagóxicas. Profesores e alumnos daranse cita en Francia no 2009 para participar no encontro final do proxecto.