«Antes que a piscifactoría había que ter un plan de saneamento»

A MARIÑA

A presidenta da asociación Adega atendeu onte en Foz as consultas dos afectados polo Plan Galego de Acuicultura

12 oct 2007 . Actualizado a las 02:00 h.

O pasado 30 de xuño o Diario Oficial de Galicia publicou a resolución que anunciaba a exposición pública do Plan Galego de Acuicultura por un prazo de dous meses. Ademais dos particulares e empresas que se consideran afectados, o colectivo ecoloxista Adega presentou alegacións á totalidade do plano por consideralo «moi agresivo social e ambientalmente». Asi o cre a presidenta de Adega, Adela Figueroa, que onte participou en Foz nun acto informativo. Lembrou que na Mariña o plan autoriza estas plantas en Xove, Foz e Ribadeo.

-¿En que basean as súas alegacións?

-Cremos que tal e como está enfocado o plan pode provocar perdas á xente que traballa do mar. No que respecta ao impacto ambiental é moi forte pensar que en todo o litoral se permitirá a instalación de plantas acuícolas nunha superficie de aproximadamente tres millóns de metros cadrados. -¿Por que son tan críticos coas piscifactorías? -Un plan acuícola non pode contemplar só a actividade da acuicultura en terra. Ademais hai que ter en conta que as piscifactorías están botando continuamente efluentes ao mar. Por iso, antes das piscifactorías habería que ter un plan de saneamento para contemplar estas actuacións. Nós puidemos comprobar en tres puntos como se verquían substancias contaminantes ao medio mariño. -¿Algunha desas medicións fixérona na Mariña? -Non, pero esa non debería ser a excusa para autorizar máis instalacións destas na comarca. Parécenos excesiva a ocupación que se fai do territorio. Non se garda a distancia á beira do mar, entrando en confrontación con Costas e con Política Territorial. -Segundo vostede ¿como se debería prantexar esta actividade? -En parques industriais. O que pasa é que evacuar e canalizar a auga custa moitos cartos. A acuicultura é algo máis que a actividade en terra; hai outras fórmulas coma o marisqueo, o cultivo de bivalvos... E un plan acuícola deseñado para Galicia debe contemplalas todas. -Pero se é por un ben social... -Si, pero a estas empresas non lles interesa, e iso que reciben en subvencións case o 50% do que invisten. O número de postos de traballo non é proporcional coas melloras que reciben. -Antes de que o plan sexa aprobado definitivamente polo Consello da Xunta deben ser estudados os informes dos técnicos e mais as reclamacións, ¿saben se son moitas as alegacións presentadas polos particulares? -Aínda non. Moitos se puxeron en contacto con nós como afectados; non é de recibo que a un particular lle poñan reparos para montar unha cetárea mentres que se están case regalando terreos a empresas noruegas. Somos conscientes e partidarios da necesidade de ordear o sector con todas as peculiaridades da costa, pero atendendo ás actividades que xa existen.