«Penso que todo o solo do noso concello debería ser edificable»

La Voz L.P. | LA VOZ

A MARIÑA

Entrevista | Alfonso Fuente Parga O alcalde de Barreiros defende que a solución para que baixe o prezo da vivenda pasa por liberalizar o chan, marcando unas pautas xerais para a construción

26 abr 2007 . Actualizado a las 07:00 h.

Non se pode falar de Barreiros e deixarse de referir ao urbanismo, á intervención da Xunta e as novas normas que ditou. O propio alcalde, Alfonso Fuente, o fixo ao dirixirse aos maiores na festa do xubilado. A cuestión é que futuro lle espera agora a Barreiros. -En dous anos non se vai a notar un descenso no traballo. Os propietarios de fincas que non puideron vender si van ter unha perda importante no seu patrimonio, pero en postos de traballo a merma vaise notar dentro de dous ou tres anos, cando se rematen as obras das licencias concedidas. -Iso se non se aproba o novo plan xeral. -Estamos neso, pero seguimos esperando polas axudas que nos prometeu a Xunta. Levan dous anos falando do asunto, pero sen dar un peso. Nós estamos esperando a que publiquen a liña de axudas, pero non agora, senón xa dende setembro de 2005, cando solicitamos a primeira reunión para iniciar os trámites do novo PXOM. Imos axilizalo o máximo posible, pero tamén lle quero aclarar aos veciños que no novo plan non vai ser todo edificable, porque as premisas da Xunta van cara a unha redución significativa. E aínda que é o Concello quen redacta o plan xeral, quen o aproba de forma definitiva é a Xunta. -¿Pensa que a intervención da Xunta no urbanismo incidiu no prezo das vivendas? -A paralización o que fixo foi elevar os prezos. A única solución sería liberalizar todo o solo do Concello. Marcar unhas pautas de protección para regular a construción e, a partir de aí, que todo fora edificable. -¿E construír máis vivendas sociais? -Temos 21 a punto de entregarse. Pero teño que dicir que eu ofrecinlle á conselleira mías 20.000 metros cadrados dos planes sectoriais para facer vivendas sociais. Para iso só tiñamos que volvernos a xuntar, pero non me chamaron co que entendo que non lles interesou. Agora perdemos ese terreo pola intervención da Xunta, pero seguimos tendo outros.