E o bipartito dixo non

JOSÉ MANUEL BALSEIRO

A MARIÑA

A TRIBUNA | O |

17 mar 2007 . Actualizado a las 06:00 h.

ENTRE os múltiples desprezos aos que o bipartito PSOE-BNG nos ten afeitos aos mariñáns, un dos máis graves foi negarse a establecer uns prazos que serviran de horizonte temporal no que estudar a ampliación do Hospital da Costa. Socialistas e nacionalistas xa non só pechan os ollos ante unha realidade que nos indica que urxe adecuar as actuais instalacións hospitalarias ás necesidades asistenciais dos mariñáns, senón que incumpren con descaro as súas propias promesas. Tanto o deputado do PSdeG Ismael Rego, como o deputado nacionalista Manuel Parga prometeron que a súa prioridade era ampliar o Hospital da Costa e dotalo dunha resonancia magnética fixa. Lonxe desto, coa primeira visita da Conselleira de Sanidade esquecéronse das súas palabras. A última destas situacións esperpénticas produciuse na Comisión de Sanidade do Parlamento. PPdeG e BNG coincidían en pedir un estudo sobre a ampliación do hospital. Os populares solicitábamos que se acometera en tres meses, e os do BNG antes de «finais do 2007». Nós comprometémonos a xustificar a nosa petición e a apoiar a dos nacionalistas. Entendíamos que debíamos poñernos de acordo, tal e como fixemos todos os grupos políticos na maioría dos concellos da Mariña. Pero unha emenda do PSOE, que eliminaba toda referencia a prazos, desnaturalizou a iniciativa e, serviu ao BNG como escusa para renunciar a súa proposta orixinal, isto e pesar de que cos votos do PP podería saír adiante. PSOE e BNG negaron todo compromiso en prazos. Está claro que os socialistas pretenden moverse nunha ambigüidade atroz, que e tanto como dicir que non queren cumprir, pero agora sabemos que o BNG ten intención de acompañalo e apoialo neste maltrato. De novo, o bipartito negou unha reivindicación básica da Mariña. Unha vez máis, o bipartito dixo non.