A bruxa Babaiagá engaiola aos nenos

La Voz A.?F.?C. | VIVEIRO

A MARIÑA

PEPA LOSADA

En Directo | Teatro infantil en Viveiro

09 may 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

? público púxose en pé para aplaudir, engaiolado polo espectáculo de música e narración oral A cabana de Babaiagá , que se representa estes días no teatro Pastor Díaz de Viveiro. O Centro Dramático Galego trae á cidade mariñá a obra dirixida por Paula Carballeira, unha adaptación dun conto tradicional ruso, que se mistura á perfección con pezas de compositores do leste europeo. Máis de mil alumnos de primaria van poder disfrutar desta representación. Os primeiros foron os dos colexios de Covas e Santa Rita de Galdo, onte pola mañá; Landro e Lois Tobío, pola tarde. Hoxe asistirán os pequeños dos colexios de Celeiro e outro grupo do Lois Tobío; mañá farano os de Xove, Ourol e, seguramente, Cervo; e o venres rematará cos rapaces do centro de O Vicedo e O Barqueiro (Mañón). O concelleiro de Cultura, o nacionalista Francisco Luis Rodríguez Guerreiro, suliñou na presentación a importante labor divulgadora desta iniciativa. Para moitos nenos de fóra de Viveiro, incidiu, será un descubrimento do teatro Pastor Díaz, «un dos mellores de Galicia». A cabana de Babaiagá rompe fronteiras, e non só por atreverse a saltar o río Sor e invitar aos nenos de O Barqueiro, senón pola integración no escenario de actores e músicos galegos, ucranianos e bielorusos. A integración de colectivos doutras culturas e etnias é xustamente un dos contidos transversais da obra, que enfrenta aos rapaces cos seus medos, a través da plasticidade das esceas e da música, magnificamente integradas. A nena e a bruxa son os dous protagonistas esenciais deste mundo feminino e, sobre todo, universal. Cristina Domínguez, directora do Centro Dramático Galego, dixo estar encantada de vir a Viveiro para apoiar o seu teatro.