Memoria do paraíso

La Voz

A MARIÑA

BOSQUE DE SILVA XOSÉ MARÍA PALACIOS | O |

04 may 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

COÑECÍN aos nenos Carmiña e Álvaro Cunqueiro moitos anos despois de que eles deixasen a ser nenos, grazas a algunha pequena conversa na que ela lembraba historias e sensacións que reflectían a ledicia daqueles anos. Así descubrín algún dito que aprenderan cun dos seus parentes dos Moirón de Riotorto -«Sete xastres fan un home; sete peneireiros, outro; canteiro fai dous e medio e pra tres fáltalle pouco»- e tamén algunha reacción que se lle escapaba á xente maior de Mondoñedo cando o neno Álvaro facía trastadas con amigos da súa idade -«Ben te vin, pernas de chifle», lle berraba unha muller»-. A dose de nostalxia que debe acompañar a unha vida depende de cada un, pero eu creo que ela transmitía a sensación de ter sido unha nena feliz. Eran os anos en que a xente da Pontenova ou de Riotorto viña a Mondoñedo a pé ou a cabalo resolver moitos asuntos. Varias décadas despois, grazas ao neno que pasara moitas tempadas na casa da familia materna en Riotorto, o camiño que vai de Mondoñedo a Riotorto pola Cruz da Cancela e o que vai de Mondoñedo a Bretoña polo Campo do Oso enchéronse de xentes que acudían a consulta de don Merlín, que puxo casa preto de Ferreiravella. O neno que ao converterse en escritor nos permitiu coñecer a Hamlet e a Sinbad ten hoxe, 25 anos despois da súa morte, o prestixio e o recoñecemento que non acadou no seu momento. A nena que toda a súa vida estivo ao lado dos irmáns -se cadra, ao lado de Álvaro dun xeito especial- xa pode gozar outra vez dos días felices na Fonte Vella ou en Riotorto. Un bico, Carmiña.