AO FÍO | O |
28 ene 2006 . Actualizado a las 06:00 h.O NOUTRO tempo promotor inmobiliario CAM segue dalle que dalle. Cada fin de semana pide papas. Clama no deserto -ou na xungla, na súa xungla- pola suspensión de licencias urbanísticas. Como se fose unha decisión que un Concello poda tomar cando lle pete. Veña, a reunirse hoxe pola tarde que imos suspender licencias! '¿E a Lei ?' pregunta un incauto; 'Non importa -contesta o noutro tempo promotor de inmobeis-, a Lei pasámola por certo sitio'. CAM non quer explicarlle ao personal a que obriga unha tal Lei do Solo, aprobada no Parlamento de Galiza polo PP, partido co que CAM non ten nadiña que ver. Como falar non ten cancelas e o papel terma do que lle poñen, CAM insiste coa suspensión de licencias por ver se cola e de paso bótalle a culpa da carestía da vivenda ao bipartito. El que tanto sabe de prezos de vivendas, pois foi promotor inmobiliario, sae agora en defensa dos máis desfavorecidos pola deusa Fortuna. El, que tanto sabe de leis -leva varios anos senando en Madrid-, non ten agallas para nos comentar o artigo 77, apartado 4 da vixente Lei do Solo. CAM non quer recoñecer que o Concello mantivo a suspensión de licencias dous anos e el e os seus acólitos son os únicos responsábeis de non ter adaptado á nova lei un Pxom aprobado inicialmente e por unanimidadde pola anterior corporación. Aclaro, CAM significa C(corporativo) dun A(nterior) M(andato).