BOSQUE DE SILVA | O |
19 oct 2005 . Actualizado a las 07:00 h.FESTAS COMO as San Lucas son unha loita constante contra o tempo. Mentres un era pequeno -o arriba asinante fala da súa experiencia persoal, pero cre que se entende e se comparte-, erguíase o día 18 escoitando os cabalos que subían pola Fonte Vella cara ao campo da feira, inquedo por abrir a ventá e comprobar se o bo tempo acudía tamén á cita. Anos despois, adaptando as circunstancias ás feiras na medida do posible, un deitábase a unha hora semellante á que hai anos elixía para erguerse, co corpo pedindo acougo tras un día de festa e antes doutros. Agora, en algo que pode ser un exemplo de que o tempo vai e volve, un, ás veces, érguese a unha hora semellante á da nenez. Pero se As San Lucas nos demostran que os reloxos dan unha información que podemos e queremos esquecer durante uns días, tamén nos amosan que a mestura de lembranzas e de ilusións permite deducir que as festas non rematan nunca. Aínda que programa di que as festas deste ano viviron onte o derradeiro día, o corazón xa nos anuncia que comeza a conta atrás para as do 2006. E o corazón é nas San Lucas tan importante como a razón: os milleiros de galegos e asturianos que comen polbo, venden gando, compran castañas, pasean, toman cafés e copas, ligan ou comproban que algo chamado misterio pode haber nas pedras da cidade son habitantes dun territorio que comparte sobre todo sentimentos e emocións, cousas moito máis decisivas ca as fronteiras e as divisións políticas ou administrativas. Pensar que as feiras cumpren 850 anos no 2006 obriga a imaxinar que Mondoñedo fará un esforzo para estar á altura das circunstancias. Pero o mellor de todo é supoñer que os que coñecen As San Lucas as sentirán outra vez como algo propio e que os que as descubran xa as farán súas.