A TRIBUNA | O |
11 oct 2005 . Actualizado a las 07:00 h.COÑECEMOS ALGÚNS libros antes de lelos. Sendo eu un neno, meu tío Germán lía Escola de menciñeiros , e comentaba de cando en vez as situacións daqueles homes cunqueirianos: así souben eu que os principais personaxes de Vilamor foran O Berete, que aprendera a ler e a escribir nun día, e O Licho, que arrancaba as moas sen dor. Eu daquela aínda ignoraba que vivía nun territorio algo máxico e que moi preto de Mondoñedo -e tamén, por suposto, de calquera outro lugar do mundo onde Cunqueiro sexa lido- estaba a selva de Esmelle, onde puxo casa e consulta don Merlín. Pero algo da maxia que só lle pode corresponder ao momento de descubrir o mundo notei eu por esas terras onde se xuntan realidade e imaxinación: baixando en coche da Cruz da Cancela a Vilameá por Riotorto, miña nai ensinoume a distinguir a folla do amieiro da da abidueira, fermosas árbores e fermosas palabras do galego mindoniense, aínda que o alumno, malia o escenario e a profesora, non foi nin é un prodixio de sabedoría botánica. Pero se daquelas viaxes a Vilameá con meus pais me quedan esas emocións e outras que aínda permanecen, como ver Foz dende a Cruz da Cancela ou a fraga de Río Seco no outono, moito maior foi o contacto con Riotorto dos irmáns Cunqueiro. E igual que algúns libros entran en nós antes de que as súas páxinas nos poñan en estado de excitación, hai persoas que forman parte de mundos literarios polo moito que representaron para os seus autores; por iso eu alégrome de que a Carmiña Cunqueiro lle vaian dar un premio como contribución ao mantemento do espírito do seu irmán Álvaro, porque ben sabemos o moito que se quixeron. No nome do Berete e do Licho, do sochantre de Pontivy e de Ulises, grazas e felicidades, Carmiña.