A TRIBUNA | O |
04 oct 2005 . Actualizado a las 07:00 h.BRAD PITT é coñecido, admirado, rico, desexado... Que cada un engada os adxectivos que lle parezan máis axeitados, aínda que se queremos definir ao Brad Pitt de agora mesmo, non podemos esquecer a súa dimensión académica, pois converteuse en alumno de arquitectura no estudo de Frank Gehry, o que deseñou o Guggenheim de Bilbao. Sigamos coas pescudas construídas con definicións. ¿Faino por excentricidade, por curiosidade intelectual, por interese por aprender, por preparar un papel nunha nova película? Pero deixemos a Brad Pitt aprender tranquilamente mentres deseñamos as súas prácticas. O arquitecto en cuxo estudo fai prácticas é coñecido en España polo Guggenheim de Bilbao, así que podemos imaxinar que o alumno quere coñecer a obra do mestre e organiza unha viaxe. Unha vez en España, Brad Pitt, de quen se dixo non hai moito que ía comprar unha casa en Londres por razóns vencelladas coa súa vida sentimental, decide coñecer o resto do Cantábrico e chega a unha comarca na que se entra despois de cruzar unha ponte sobre unha ría. O guión remata aquí porque falar dunha estadía de Brad Pitt na Mariña é iso, un proxecto imaxinario. Pero o que non é imaxinación senón realidade cotiá é o urbanismo da Mariña. ¿Volverá ter protagonismo na vida de Ribadeo a zona vella ou caerá para sempre na ruína e no esquecemento? ¿Por que en lugares emblemáticos de Mondoñedo hai sinais que anuncian obras rematadas? ¿Por que non regula o Concello mindoniense a colocación de carteis no casco histórico? ¿Por que as vilas da costa permiten que se constrúan edificios que son muros que impiden ver o mar dende case todos os sitios? Pensemos un pouco, porque un día, se cadra, vén de incógnito Brad Pitt, e logo fala do que veu aquí.