A TRIBUNA | O |
28 sep 2005 . Actualizado a las 07:00 h.ACABARÁN organizándose excursións, para que as novas xeracións non esquezan cantos obstáculos tiñan que sortear os seus maiores para desplazarse dun lado a outro. Recibiremos cos brazos abertos a eses novos turistas, que quedarán abraiados ao comprobar as ventaxas da vida a ritmo de tartaruga. E non entenderán nada cando os guías lles expriquen que, malia a todo, a sociedade e as empresas evolucionaron. Convertidos nun museo dos despropósitos, os nostálxicos terán a oportunidade de disfrutar circulando en coche a 60 kilómetros por hora, por estradas reasfaltadas mil veces nas que non é posible avanzar a medias superiores a un kilómetro por minuto. Algún avispado haberá que propoña convertirnos en circuito de carreiras á inversa. Por suposto, ganará quen máis tarde conquira chegar á meta. Serán moi disputadas, máis que as de fórmula un, porque os pilotos terán ao seu favor trazados viarios preparados, precisamente, para ir a modo. Seguiremos esperando. Continuaremos resistindo, convertidos durante moitos anos máis na reserva infraestructural dun pasado que aquí é presente. Mentras continuamos agardando por esas estradas novas e modernas prometidas cen veces, o futuro seguirá pasando por diante nosa sen tocarnos. Os políticos que estén na oposición seguirán culpando aos que gobernan do noso histórico aillamento. E aos que lles toque mandar, botarán balóns fóra, responsabilizando aos que perderon a poltrona. A nosa condena é un castigo inmerecido que se repite e se mantén no tempo. ¡Ai, ai, ai...! Parece que só nos queda laiarnos e agardar, resignados, sumisos e desmemoriados. Outra vez máis, queren facernos comulgar con rodas de muiño e pretenden que digamos que chove cando en realidade voltan a mexar por nós.