A boa sorte de Mondoñedo

A MARIÑA

A TRIBUNA | O |

23 sep 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

TODOS SABEMOS que o 22 de decembro é un día de moitas expectativas e de non tantos resultados. Estamos pendentes do sorteo da Lotería de Nadal, no que sempre gastamos máis do esperado, pero poucos son os gañadores e efémeros protagonistas nos medios de comunicación. Mondoñedo, en cambio, xa acadou protagonismo antes de que os números entren no bombo, pois, como xa publicou este xornal días atrás e como vostedes xa saberán, o Concello encargou participacións dos números 2006 e 850 para celebrar que o ano que vén se cumpren oito séculos e medio da concesión do título de cidade e do nacemento das San Lucas. ¡Oito séculos e medio, nin máis nin menos! Pensemos no día 22 de decembro deste ano. Se cae un premio grande nun deses dous números, algúns gañarán cartos, haberá festa, abriranse botellas de champán para brindar diante das cámaras, nas tendas e nos bancos notarase máis movemento e Mondoñedo terá a parte de presenza mediática que cada ano lle corresponde ás vilas e cidades que fan un pacto coa sorte; se non hai premio e queda o consolo de lembrar que o importante é ter saúde, Mondoñedo poderá pensar noutras recompensas. Transformar As festas e feiras de As San Lucas no eixe de novas actividades vencelladas co cabalo que reúnan a máis público e que non se reduzan á feira do día 18, conseguir que coa futura autovía do Cantábrico aumente o turismo na nosa cidade e na nosa comarca, acadar que os produtos de horta xeren máis postos de traballo, rematar a Cidade Cultural para completar a rehabilitación da Alcántara... Se todo iso se converte en realidade, Mondoñedo será máis gañador, sen dúbida algunha, e poderá esperar tranquilamente calquera sorteo. Sorte.