A TRIBUNA | O |
03 ago 2005 . Actualizado a las 07:00 h.DENTRO de poucos días celébrase en Mondoñedo o mercado medieval, que demostra que as ganas de diversión axiña se converten en tradición. Os ingredientes son coñecidos: unhas pequenas doses de historia e grandes cantidades de espírito festeiro combínanse moi ben. Pero, non o esquezamos, un escenario como o que ofrece Mondoñedo para a ocasión non se atopa en todas as vilas e cidades que desexen repetir a experiencia. O que non está programado, aínda que o arriba asinante imaxina que chegará, é o día en que se celebre a primeira festa romana ou romano-celta de Mondoñedo. Non faltaría o escenario de todo o programa ou dunha parte: sería o castro de Zoñán, que tantas novidades está a ofrecer; e suponse que tampouco fallaría o ánimo dos mindonienses. Conclusión: xa pode soñar Mondoñedo cun banquete de xabarín que lles gustaría a Astérix e a Obélix. Pero tamén sería interesante que os poderes públicos e a iniciativa privada pensasen en converter as festas nun imán turístico con máis forza da que ten agora. Que ninguén esqueza que As San Lucas cumpren 850 anos no 2006.