A TRIBUNA | O |
14 may 2005 . Actualizado a las 07:00 h.AO ALCALDE DE Ribadeo chamoulle a atención o urbanismo de Loctudy, co que a vila ribadense prepara estos días o irmandamento. Non me sorprende, para nada, o seu comentario. Na localidade gala, apuntou, non se ve un piso, só casas co seu xardín. O mesmo pensei eu nunha viaxe recente a Escocia. As aldeas, en xeral, conservaban a súa estética tradicional, sen deixarse contaxiar por outros modelos, nin intentar parecerse a ninguén, nin intentar modernizarse en exceso. Notábase ata nalgunha gran cidade como Edimburgo, que a chamada «zona nova» respetaba o estilo urbanístico da época xeorxiana, ou noutras vilas bastante poboadas onde oficinas e empresas estaban situadas en vivendas adosadas, de non máis de tres alturas, todas co seu xardín na entrada, coidado por pequeno que fora. Aínda que as comparacións nunca foron consideradas boas, cómpre de vez en cando botar unha ollada fóra das nosas fronteiras para reflexionar e pensar que se fixo ben e que se fixo mal na nosa terra. Hoxe nas aldeas galegas, por exemplo, hai casas típicas caendo, raíces que se perden. E nas vilas máis grandes córrese o perigo de que o urbanismo medre sen un control lóxico. Pero aínda hoxe, e mañá, se pode facer algo para correxilo.