Deficiencias na auga en Burela

PEDRO CHAO POLO

A MARIÑA

A TRIBUNA | O |

19 abr 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

ALEGRÁMONOS de que a Xunta coincida basicamente co manifestado polo grupo socialista de Burela, en canto a que o abastecemento de auga ten serias deficiencias, que en épocas de estiaxe padecemos escaseza na subministración e que a calidade da auga non é óptima, sobre todo pola turbiedade en época de choivas. Estas deficiencias coinciden coas que nos denunciamos. Lamentamos, unha vez máis, que o goberno municipal de Burela non as queira recoñecer e lembramos que, diante das nosas denuncias, decían que se investiran moitos millóns das antigas pesetas e que auga era potable. Seguimos insistindo na deficiencia do servizo e esperamos que, agora que a Xunta asume as nosas posturas, o faiga tamén o goberno do señor Barcia e se poña mans á obra, disposto a ofertar dunha vez aos cidadáns un servizo de calidade. Agora que Medio Ambiente considera inaprazable a mellora do servizo, esperamos que adxudiquen o máis rápido posible a obra prevista, coa finalidade de que os bureleses poidamos superar as carencias que padecemos alomenos desde 1990. Esperamos que este interés da Xunta non sexa consecuencia da época preelectoral que vivimos en Galicia.