FORO PÚBLICO | O |
17 feb 2005 . Actualizado a las 06:00 h.Ó POUCO tempo de formar goberno municipal o PSOE e o Bloque houbo unha manifestación en contra dos plans de recheo da ría que pensaba levar a cabo a Xunta de Galicia, e estes dous grupos asistiron a ela, así como outros moitos cidadáns, para manifestar o seu desacordo con esta decisión do PP. Pouco tempo máis tarde, despois de reunírense con altos cargos da Xunta, decidiron poñerse a favor, sen que polo momento saibamos as causas de tan inesperado cambio, nin as, ata agora, inconfesadas contrapartidas do mesmo. Cal non sería a miña sorpresa o outro día cando achegándome a Figueirúa vexo unha espléndida extensión de brilante area no sitio onde tiña que haber un recheo de cemento. Que inxenuos e malpensados fomos todos cando críamos que ían reencher Figueirúa con formigón para poñer alí unhas desas naves horrendas, ou ben para encher o peirao con pino de importación que fai baixar os prezos do de aquí. Así que cando nos dicían que ían crear tres ou catro postos de traballo -despois sempre comprobamos que non é certo- en realidade o que ían facer era unha fermosa praia para goce dos hóspedes do Parador, dos inquilinos dos pisos da horta de Boado e dos veciños de Fontecavada. Moi ben. Negocio privado Temos, xa que logo, que agradecerlles ós grupos de goberno que non fixeran o recheo pola axilización do polígono industrial -polo ben de todos aínda non hai nada feito, supoño que será porque o sitio que lle buscou o PP é o peor que se lle podía dar: non parece lóxico que un polígono industrial, co antiestéticos que son, estea na saída ou entrada dunha vila que quere ser de servizos e turística; podería estar, por exemplo, no camiño de Vilela, tras Santa Cruz- temos, dicía, que agradecerlles en troques que fixeran esa praia para que se vexa a diferenza que hai entre un recheo de area e outro de cemento. Sendo neste caso feo xa o de area, imaxinen cando estea o de formigón cheo de naves e mercancías. Nun espazo público, negocio privado: isto é Galicia.