A TRIBUNA | O |
05 ene 2005 . Actualizado a las 06:00 h.ESCRIBO coa ilusión de quen lembra aquela nenez na que a felicidade chegaba co máis pequeno dos agasallos. Porque a saúde é o ben humano máis preciado, quizáis algún día sexa realidade a propaganda triunfalista dunha sanidade pública mellorable, en eficiencia, calidade e equipamentos. A impotencia diante da enfermedade pode ser semellante á que sinten quen se ven obrigados a enfrontarse a esas mutuas que, dende a súa posición dominante, menoscaban dereitos asistenciais e prestacións. Tamén viría ben que na xustiza e noutros estamentos públicos imperasen o sentidiño e a verdade, por riba das triquiñolas, da inhibición ou de intereses inconfesables. Como traballar é imprescindible para comer, vai sendo hora de que deixen de vendernos burras e constrúan esas vías de comunicación tan anunciadas e necesarias para crear empregos e asentar poboación. Ben sei que quedan demasiados problemas no tinteiro. Non me dirixo a reis magos milagreiros porque resístome a crer que fagan falla para que nos tratemos con ese mínimo de humanidade e honestidade que se nos supón. Sería o noso maior agasallo para todos, especialmente se arelamos unha sociedade máis xusta e solidaria. Pero só é unha ilusión.