Mercado común da Mariña

A MARIÑA

A TRIBUNA | O |

29 nov 2004 . Actualizado a las 06:00 h.

FÁLASE MOITO da Europa de dúas velocidades, pero menos das diferentes velocidades das súas partes. Se España en xeral e Galicia en particular están na zona que avanza con menos rapidez, A Mariña semella condenada a unha lentitude case eterna: non hai tren, a subida á Xesta ten zonas perigosas e a autovía do Cantábrico só é noticia por retrasos e polémicas. O que xa resulta curioso é que unha organización de empresarios aconselle ao goberno sobre as zonas que deben recibir prioridade nos investimentos sen ter en conta ningún equilibrio, porque iso implica que os empresarios e os cidadáns dunha zona con malas infraestruturas están obrigados a ser máis heroicos ca os doutras. Pero semella que algunhas situacións, mesmo na Mariña, poden ser interesantes para empresas de fóra. Hai varios días, celebrouse en Mondoñedo un foro sobre técnicas de rehabilitación, organizado por unha empresa que se vai instalar precisamente en Mondoñedo aproveitando os proxectos que se desenvolven en varias vilas da comarca. ¿Decataranse algún día os concellos das posibles vantaxes de concibir A Mariña como unha ou dúas cidades con varios barrios?