A TRIBUNA | O |
02 nov 2004 . Actualizado a las 06:00 h.CANDO UN VIAXA ¡cantas diferenzas e semellanzas atopa!. Portugal foi un dos meus destinos este ano. A chegada a un país ou rexión nova sempre vén condicionada por crenzas infundadas, malas famas que ao entrar en contacto coa terra e coas súas xentes se poden desvanecer como a néboa un día de sol. Daqueles veciños cos que Galicia parece sentir tanta afinidade, non só por razóns lingüísticas ou xeográficas, obtiven un descubrimento que me chamou a atención: os xardíns. Sabemos de sobra que as comparacións nunca foron boas. Pero neste punto si que me apetece facela. Porque quedei impresionada da beleza dun parque de Braga, da reserva nacional de Buçaco, das zonas verdes. Un coidado floral exquisito, un mimo que non vexo nesta zona. E non digo con isto que a comarca da Mariña non destaque por verde e natural. «Máxica por natureza» é o seu eslogan turístico. Pero gañaría moito en atractivo se os parques estiveran realmente coidados e mimados, se non houbera tanto apego municipal á cultura do cemento, se o litoral non se sobrecargara en certas zonas de paseos marítimos e se deixara que fose natureza en estado puro. Sería un regalo para os sentidos e a vida.