A TRIBUNA | O |
27 oct 2004 . Actualizado a las 07:00 h.UN DOS principais republicanos mindonienses do século pasado foi Cándido Carreiras Domenech. Carreiras participou na vida xornalística e política da cidade; pero sobre todo protagonizou un acto, non sei se de xeito estudado ou espontáneo, que lle serviu para acadar sona: en 1931, recén implantado o novo réxime, os republicanos foron visitar a tumba de Leiras Pulpeiro, e el tomou a palabra para anunciarlle ao amigo que xa chegara a república. Segundo conta Ánxel Fole, Carreiras estivera desterrado en Castropol na época de Primo de Rivera. As circunstancias sociais e políticas cambiaron, pero un ten a sensación de que Leiras Pulpeiro tamén está a pasar un certo desterro. Sabemos que foi un médico entregado ao seu traballo, un republicano coherente coas súas ideas e un cidadán exemplar: trazos moi favorables para a súa figura, que malia todo semella estar nunha gaiola de ouro, máis lonxe da literatura do que debería. O luns cumpríronse 150 anos do seu nacemento, e dentro de pouco o cemiterio vello de Mondoñedo, no que está enterrado, terá un novo aspecto. Oxalá que entón alguén observe o val dende alí, e lembre a expresión «cunquiña deleitosa», tantas veces usada: por ser o seu autor e por outras cousas máis, un respecto ao poeta Leiras.