DENDE O PADORNELO | O |
18 oct 2004 . Actualizado a las 07:00 h.É MOI doado dicir que o día de onte puido ser mellor, que a auga estragou a festa e que os que chegaron para ver a feira e os que viñeron vender non tiveron demasiada sorte. Todo iso xa se sabe, e coa inseguridade do tempo conviviron, conviven o convivirán todos os que participaron, participan e participarán nas San Lucas. Tamén pode chegar un cambio climático tan grande de xeito que os turistas veñan tomar o sol e facer surf a Tapia ou a Xove en xaneiro e no bosque de Silva medren as palmeiras. ¿Pagaría a pena? O que pasou coa chuvia de onte é, máis ou menos, algo que sucede a cotío con outras cuestións da vida: que a realidade non está sempre á altura das nosas ilusións. Pero tamén sabemos que contra o pesimismo dos feitos se pode e se debe loitar co optimismo da vontade, o cal nos asegura algunhas ledicias. Os de Mondoñedo e os que veñen de fóra ben sabemos que estes días pode chover e que a auga molesta un pouco. Pero todos actuamos movidos por un sentido de alegría colectiva que ningunha borrasca poderá borrar; e nese sentido, non o esquezamos, As San Lucas son sempre un éxito.