A TRIBUNA | O |
12 oct 2004 . Actualizado a las 07:00 h.ALGUNAS VECES a realidade vai por diante da fición. Velaí un exemplo. Dous personaxes dun debuxo de Forges están no cumio do Everest e manteñen un diálogo curto e impagable: «E aquilo do fondo, Mondoñedo», di un. «Curiosísimo», comenta o segundo. «Pois si», engade o primeiro. Pois si, podemos dicir tamén nós. Somos moitos os que sabemos e dicimos que Mondoñedo é ben curioso sen que teñamos subido ao Everest para comprobalo: curioso polos contrastes que ofrece visto dende Os Picos, San Caetano ou Os Paredós; curioso por un volume actual de transformación urbana que seguramente estea ao nivel dos traballos que promoveu o bispo Sarmiento; e curioso, sempre e estes días un pouco máis, polas San Lucas. Un non sabe cómo se verán As San Lucas dende o Everest; pero asegura que observadas de preto pagan a pena sen ningunha dúbida, porque ademais valen para que a realidade e a imaxinación vaian case ao mismo ritmo. Mentres na alameda e na Granxa se instalan os postos e se preparan escenarios, moitos -deportivistas e celtistas, vellos roqueiros e fans de Chenoa, clientes de grandes almacéns e compradores de tendas especializadas-, disparan a súa curiosidade para desexar que as sempre curiosas San Lucas cheguen canto antes.