A TRIBUNA | O |
22 sep 2004 . Actualizado a las 07:00 h.DE NENOS, naqueles petos de barro esmaltados, anunciábasenos que no mundo había xente que padecía fame. Era polo Domund cando se oía pedir «para los chinitos de África», como se a desgracia agrandase coa distorsión xeográfica. Logo, infelizmente, acadaron sona Biafra, Etiopía, Calcuta... agora, Darfur. Agora Darfur, e por se fose pouco martírio a fame, a poboación civil padece as atrocidades das milícias árabes yanyawid, convertendo Sudán en país de xenocídio. No outro polo do mundo, en Nova Iork, reúnese estos días o Quinteto contra a fame (presidentes do Brasil, Chile, Francia, España e da ONU) nunha cumbre que vai precisar compromiso político real e mecanismos internacionais para loitar contra a pobreza. Lula da Silva calificou a miseria como a «máis mortífera das armas de destrucción masiva creada polo home». Máis de 400 millóns de persoas padecen desnutrición e moitos deles, demasiados, morren. Dende a nosa civilizada sociedade occidental mórrese de bulímia ou anoréxia; dende aquí miramos a miseria como unha maldición ou unha praga bíblica contra a que non paga a pena conmoverse.