A TRIBUNA | O |
29 jul 2004 . Actualizado a las 07:00 h.MEU QUERIDO E lembrado amigo: Dende hai case seis anos, vostede xa está para sempre no bosque de Silva, sabendo que chega a primavera porque sempre hai un cuco que a anuncia puntualmente co seu canto e vendo cómo as pedras e as lousas de Mondoñedo se visten de melancolía baixo o orballo. Vostede está na feliz compaña de amigos e poetas -de Lence-Santar a Santeiro pasando por Cunqueiro-; pero crerame se lle digo, don Xosé, que a moitos vivos nos gustaría telo aínda do outro lado do bosque, aparecendo algunha vez polo Central ou pola imprenta de Mancebo e recibindo as súas panxoliñas polo Nadal. Sen embargo, hai algo que Mondoñedo lle vai facer e do que non talvez estará informado. No barrio dos Muíños, no que se están a promover moitas obras e no que o Concello ten moitas ilusións sobre o seu valor de futuro, vaise inaugurar unha rúa que leva o seu nome. É un novo paseo á beira do río, desa auga que empregaban as panadeiras para a súa masa e que vostede, que falou dun Muíño fidel , usou nos seus primeiros soños de poeta. Ben sabe que cando pasemos por alí, nos lembraremos de vostede. Unha aperta e ata sempre.