A TRIBUNA | O |
29 jun 2004 . Actualizado a las 07:00 h.A AUTOVÍA DO Cantábrico é moi necesaria, tanto como podemos comprobar os que circulamos a cotío pola estrada N-634 e menos do que semellan pensar os que converteron as conexións coa Meseta en cuestión de Estado. Pero un cre que tan necesario como a autovía é un debate sobre as consecuencias, vantaxes e inconvenientes que supoñerá a súa construción. Se hai estudos que avaliaron as repercusións da autoestrada do Atlántico na economía galega, cabe imaxinar que non faltarán os que ofrezan datos sobre as consecuencias de autovía en todo o norte de España -un territorio que, non o esquezamos, non ten un tren que favoreza a circulación de viaxeiros e mercadorías coma noutras zonas-. Sen saír case dos lugares comúns que se citan cando se falta deste asunto, a autovía pode ser beneficiosa para o turismo pero tamén, paradoxalmente, prexudicial para a paisaxe. Ninguén poderá pensar nunha autovía sen consecuencias ambientais nin deberá crer que neste asunto a fin xustifica calquera medio; pero un supón que neste asunto ten habido máis posturas supostamente oficiais e eslóganes ca propostas expresadas con sinceridade.