A voltas co reaxuste

A MARIÑA

A TRIBUNA | O |

16 jun 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

DENDE O PASADO 6 de maio en que Alcoa concretou o excedente de plantilla en 120 postos, o panorama de Alúmina Aluminio pinta distinto. Día a día trátase de coñecer máis detalles de como a multinacional vai pasar da teoría á práctica. Os sindicatos seguen a recibir información fundamental para ir a unha negociación co papel que deben cumprir, que é o de defender os intereses dos traballadores, mentras Alcoa tenta tirar polos seus, a tan mencionada competitividade. Unha das claves está nas prexubilacións, para os empregados de 58 anos ou máis, pois, tendo en conta a aqueles que están na franxa de idade, poderían afectar á metade dos 120 postos que Alcoa considera sobrantes. Para outros, dixo onte o presidente do comité, debatirase máis adiante sobre posibles recolocacións. A verdade é que Alcoa está a ofertar polo baixo as prexubilacións (o 72% do soldo neto inicialmente) poñéndose case a anos luz do que quere o comité, para o que as condicións non deben ser inferiores ós contratos de relevo. Anque aínda queda camiño por andar, a base debe ser que Alcoa, como empresa, non é a única que se xoga o seu futuro, tamén os afectados e as familias.