Entrevista | José María García Rivera O alcalde focense anuncia que a partir de agora cada concello deberá abonar cada mes 12 céntimos de euro por habitante para as arcas do organismo mancomunado
01 jun 2004 . Actualizado a las 07:00 h.?osé María García Rivera foi elixido por unanimidade novo presidente da Mancomunidade de Municipios de A Mariña. Un cargo que, di, para el supón un reto máis, pero do que se amosa ledo: «Cando un ve que o votan todos, sexan da cor que sexan, é de agradecer. Espero non defraudar, por traballo non vai ser». -A súa tarefa será poñer as cousas claras. -Temos que ver cómo están as contas, qué problemas hai, e despois presentarei un informe co equipo de goberno da mancomunidade e diremos cál é a situación real. A partir de aí veremos as posibilidades que ten. Alguns concellos quererán marchar, e outros, seguir. Teremos que renovar os estatutos para facer una mancomunidade moderna. -¿Ten razón de ser se hai tres xa fundacións comarcais? -Eu penso que si, porque pode optar a axudas da Administración que non poden pedir as comarcas. Eu aposto por ela, pero quen se quede na mancomunidade ten que crer nela. -¿Hai moitas débedas? -Ímolo ver. O que está claro é que a partir de agora cada concello ten que ingresar cada mes doce céntimos de euro por habitante. Iso vai servir para dispor dun remanente para facer fronte aos pagos pendentes, como o persoal de Atención Temperá ou as débedas con Facenda. -Vai logo en serio. -Por suposto. Levábase sen ingresar un peso dende o 95. De momento non se vai pagar con carácter retroactivo, pero hai que revisar todas as contas atrasadas, e cada concello, que se poña ao día no que debe. Despois, si se quere ir, que se vaia. Quen deixe a mancomunidade terá que pagar antes o que debe, ou aceptar a factura cando lle chegue.